Encontran o cadáver en descomposición dun home nun sumidoiro en Rábade

Emerxencias 112 Galiza (Foto: 112).
O corpo localizado estaba en estado de descomposición e carecía de documentación, polo que se están levando a cabo as dilixencias necesarias para a súa identificación.

O CIAE 112 Galiza informou esta cuarta feita da localización do cadáver dun home, que se atopaba nun sumidoiro, a uns dous metros de profundidade, no polígono industrial de Rábade, (comarca de Lugo).

A alerta chegou na noite da terza feira, cando a Garda Civil comunicou o achado aos servizos de Emerxencias e solicitou axuda para rescatar o corpo. Así, o 112 Galizaa trasladou o aviso ao 061, aos bombeiros do Eume e ao GES de Friol

Os efectivos desprazados até o lugar conseguiron extraer o corpo do sumidoiro, despois de cortar un tubo da arqueta para poder acceder á persoa. Fontes da Garda Civil confirmaron que o cadáver foi localizado no marco dun dispositivo de procura dun veciño de Rábade de 40 anos de idade, cuxa desaparición foi denunciada hai uns días por un compañeiro de piso.

Hipóteses

Con todo, as mesmas fontes precisaron que o corpo localizado estaba en estado de descomposición e carecía de documentación, polo que se están levando a cabo as dilixencias necesarias para a súa identificación. Así, todas as hipóteses están abertas, tanto da identidade do falecido, como das circunstancias da morte.