Medio Ambiente

Concertos, obradoiros e faladoiros defenden a terra no Courel no II Encontro Burla Verde

Actuación de Peter Punk no encontro do ano pasado. (Foto: Burla Verde)
Loita Amada, Mounqup, Laura Lamontagne ou Paco Nogueiras destacan no cartel musical.

O concello de Folgoso do Courel (comarca de Quiroga) foi o emprazamento escollido para acoller este ano a que será a segunda edición do ‘Encontro Burla Verde’ pola defensa da terra. Unha cita que esta sexta feira dá o disparo de saída cunha quedada na parroquia de Vilamor para arrincar mimosas, unha especie invasora cada vez máis presente no monte galego.

O prato forte chega este sábado cun encontro con veciñanza do Courel, a historiadora Lara Barros e a asociación As Espigadoras para falar sobre a organización comunitaria neste lugar cunha ollada retrospectiva ao pasado,  mais tamén con perspectiva de presente e futuro. Será ás 12 horas no prado dos Lagos (Esperante).

 

Xa pola tarde, ás 16.30h, na parroquia veciña de Seoane, o colectivo Arquitectura Sen Fronteiras protagonizará ona estación científica o evento 'Materia en combustión: sentipensares en torno ao lume, resiliencia e paisaxe'. E media hora máis tarde será a quenda do acto 'Decrecemento coa vida no centro', con Begoña de Bernardo, da asociación Véspera de Nada. Finalmente, ás 19 horas haberá un espazo de encontro para colectivos pola defensa da terra.

E ao longo da xornada, a partir das 10.30 horas, haberá alborada, circo, danza e concertos, da man da Tralha da Terra de Montes, Darija, Xerezade, Laura Lamontagne, Paco Nogueiras, Zeltia Irevire, Mounqup DJ Set, Loita Amada, Xenderal, Peter Selek, La Sincereza e Regueifeiras.

Tamén durante todo o sábado a Radio Burla Verde ofrecerá unha serie de faladoiros coa participación de representantes dos principais movementos ecoloxistas e sociais do momento na Galiza, desde Ulloa Viva, que lidera a oposición contra a celulosa de Altri en Palas de Rei, até Alarma na Terra de Montes ou a Rede Galega do Rural, que encabezan protestas contra diferentes parques eólicos que ven como unha ameaza para o territorio.

 

Tamén para crianzas

A organización habilitará tamén un espazo destinado aos máis pequenos e pequenas da casa, o 'Burlinha Verde', que dará comezo en Esperante ás 12.30 horas cos Títeres subversivos de Trécola Producións. Após o xantar, contras as 15 horas, Rakel Ilmenita impartirá un obradoiro de pintura con barro, e ás 17 horas porá o ramo á xornada infantil o concerto de Paco Nogueiras.