Os encoros galegos continúan á metade da súa capacidade a pesar das chuvias
As chuvias rexistradas en toda a Galiza nas últimas semanas melloraron en gran medida a situación dos encoros, cuxa cantidade de auga embalsada medrou de maneira notábel. Porén, a capacidade destes aínda non recuperou o seu nivel habitual. A Confederación Hidrográfica de Miño-Sil informa a este xornal de que os encoros desta conca atópanse a 41,17% da súa capacidade, 10,43% por baixo da media histórica (1999-2021) nesta data (51,60%). Con todo, os datos do pasado ano a estas alturas resultaban aínda peores, situándose a 40,80% da súa capacidade total.
No referido á conca Galiza-Costa, segundo os últimos datos recollidos por Augas da Galiza e ofrecidos a este xornal pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, os encoros sitúanse a 51,74% da súa capacidade total, unha cifra case idéntica á destas alturas do ano pasado (51,71%).
Para que os encoros volvan situarse na súa capacidade normal, segundo indica a Confederación Hidrográfica de Miño-Sil, “é necesario que durante o próximo trimestre se rexistren as precipitacións habituais para esta época do ano”. A Consellaría tamén sostén que “as borrascas previstas para estas semanas fannos ser optimistas, ao esperar importantes achegas de auga no ámbito da demarcación Galiza-Costa, o que suporá un cambio de tendencia que permitirá ir revertendo a situación”.
Polémica polo desaugue de Eiras
A pesar da aínda negativa situación dos encoros galegos, a Xunta procedeu a pasada semana a desaugar o encoro de Eiras, que abastece até once concellos: Cangas, Soutomaior, Redondela, Vigo, Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar, Baiona, Nigrán, Mos e Ponte Caldelas. Ante esta situación, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSdeG), denunciou que a Xunta baleirase este encoro cando aínda non se atopaba a 80% da súa capacidade total.
Díaz explica a Nós Diario que “non atopamos unha explicación lóxica” de que se procedera ao seu desaugue. “Debería esperarse a que chegara a 100% para abrir os aliviadoiros” do encoro por onde sae a auga. “Non sabemos se nos próximos meses choverá ou non”. Así, critica a mala xestión da auga por parte da Xunta indicando que “non hai necesidade de abrir as dúas turbinas a todo meter cando ao encoro aínda lle queda moito para encherse de todo”.
Díaz sostén que a Xunta argumentou ao respecto que abrían os aliviadoiros pola presión da presa e ante a positiva previsión de precipitacións. Segundo indica a Consellaría de Infraestruturas a Nós Diario, agora mesmo, o encoro de Eiras atópase a 79,55% da súa capacidade tras as choivas dos últimos días.
“Tendo en conta que a cota de resgardo estabelecida obriga a mantelo por debaixo de 80% de ocupación, está desaugando, regulando as cantidades de saída para compensalas coas achegas recibidas”. Enténdese por resgardo a diferenza entre o nivel da auga no encoro nunha situación concreta e a coroación da presa. Porén, Díaz afirma que teñen "sospeitas de que poida haber algunha hidroeléctrica detrás para lucrarse economicamente”, e así o puxo de manifesto nas súas redes sociais e sostén que “non podemos afirmalo pero non hai outra explicación”. Ante estas declaracións, a Xunta afirma a este xornal que “non existe ningún aproveitamento hidroeléctrico no encoro de Eiras, destinado unicamente ao abastecemento”.
Aproveitamento eléctrico
Ecoloxistas en Acción xa acusara Naturgy o ano pasado de incumprir o caudal mínimo legal no encoro de Salas, en Muíños. Con todo, con respecto ao de Eiras, o coordinador da asociación en Vigo, Cristóbal López, explica a Nós Diario que “hai moitos datos que descoñecemos”. Sostén que, aínda que existan “moitas malas prácticas do oligopolio enerxético e en xeral no sector da hidroeléctrica, neste caso non temos indicios” de que se estean aproveitando da apertura de Eiras, principalmente porque “este encoro non ten aproveitamento eléctrico”.