A choiva non palia a seca: os encoros galegos almacenan xa menos da metade da súa capacidade

O baixo caudal do río Miño deixou á vista este verán as ruínas do vello Portomarín, anegado na década de 1960 polo encoro de Belesar. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A escaseza de auga leva a declarar a situación de prealerta na conca do Miño Alto.

Os encoros galegos xa almacenan menos da metade de auga que poden abranguer despois de perder no últimos sete días un total de 42 hectómetros a pesar das precipitacións, aínda débiles, rexistradas nalgúns puntos do país.

Así, segundo os datos facilitados nesta terza feira polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, os encoros das dúas concas hidrográficas da Galiza están a 49% da súa capacidade ao conter 1.821 hectómetros de auga, 42 menos que hai sete días.

En comparación co pasado ano, a demarcación Galiza-Costa ten 28 hectómetros menos. Porén, a do Miño-Sil almacena máis auga este ano a pesar do contexto de seca. Esta mesma semana de 2021, os seus encoros contiñan 1.373 hectómetros cúbicos de auga polos 1.443 do primeiro balance de setembro de 2022.

Así as cousas, as concas hidrográficas teñen  13% menos de auga que a media da última década. Os encoros da demarcación Miño-Sil están a 47,6%, con 1.443 hectómetros cúbicos de auga almacenada, 29 menos que a semana pasada. Pola súa parte, na conca Galiza-Costa hai embalsados 378 hectómetros cúbicos, 13 menos que hai sete días e que representan 55,3% do total.

Prealerta de seca no Miño Alto

Nesta mesma terza feira a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) elevou a situación de prealerta por seca á conca do Miño Alto. Así, únese á do Sil Superior e Inferior, mentres que as zonas dos ríos Cabe e Limia continúan en situación de alerta. A única conca da demarcación en situación de normalidade é a do Baixo Miño.

"A falta de choiva provoca que esteamos ante o ano hidrolóxico máis seco da serie histórica 1980-2021; aínda que semellantes ao actual serían os anos 2002, 2005, 2011, 2012 e 2017, o que evidencia os efectos adversos do cambio climático" explicou o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

De feito, as precipitacións rexistradas durante este ano hidrolóxico na demarcación Miño-Sil son 42% inferiores á media histórica. En agosto, as choivas foron 21% menores que a media. Con todo, como apunta a propia CHMS nun comunicado, os encoros da conca conteñen 2,26% máis de auga este ano que en 2021, verán no que se produciu unha polémica entre a confederación e a Xunta polo baleirado de presas.

Un total de 44 municipios da demarcación rexistraron este verán problemas de abastecemento de auga, con restricións e traídas en cisternas. Así mesmo, resolvéronse 20 solicitudes de aproveitamentos temporais con captacións alternativas, a meirande parte delas para uso gandeiro.