Enfermas de ril acusan ao Sergas de deixalas desprotexidas fronte ao virus

Área de diálise nun centro hospitalario. (Foto: Europa Press)

A Federación Alcer Galiza e Alcer Coruña aseguran que levan padecendo “un ano de desprotección e abandono” no servizo de transporte a persoas que precisan desprazarse a facer hemodiálise

A Federación Alcer Galiza, así como a delegación na Coruña, veñen de denunciar o que consideran un “abandono” por parte do Servizo Galego de Saúde. Segundo comentan, hai un ano que advertiron ao Sergas de que as e os usuarios do transporte público para ir a hemodiálise tiñan unha sensación de desprotección nos traslados.

Afirman que o ano pasado fixeron varias reclamacións ao respecto da situación na que eran trasladados en ambulancia, avisando de que as recomendacións de protección fronte ao coronavirus estaban a ser “incumpridas desde o inicio da pandemia”.

Porén, afirman, o Sergas limitouse a responder que se atenden as medidas de actuación estipuladas pola Sociedade Española de Nefroloxía.

Isto implicaría viaxar até os centros sanitarios nun vehículo privado e, no caso de acudir en ambulancia, a capacidade máxima sería de catro doentes por traxecto ademais da condutora ou condutor.

Así mesmo, deixan en mans do persoal encargado as medidas “de autoprotección e de prevención”, tales como asegurarse de que as e os usuarios non teñen síntomas da Covid-19, que levan máscaras...

“A resposta desde o Sergas sempre ten sido que lle comunican as incidencias ás Áreas Sanitarias afectadas de Ferrol, A Coruña Santiago e Vigo”, comentan, se ben consideran que o suposto intercambio de información non deu resultado posto que as ocupacións estiveron “en números moi superiores do máximo de 4 persoas máis condutor/a por ambulancia”.

Ao entender do colectivo de doentes con enfermidades renais crónicas a atención axeitada pasa por que a responsabilidade da protección durante os traslados sexa asumida polas áreas sanitarias e por que se lles dea prioridade, polos seus riscos de saúde, aos “intereses das concesionarias”.

“Se a comunicación do incumprimento non é efectiva entendemos que será necesario tomar outro tipo de medidas e non deixar en situación de abandono a un colectivo altamente vulnerábel como o de persoas que acoden a tratamento de hemodiálise que non poden non acudir ao seu tratamento vital”, avisan.