O ensino público de calidade non admite recortes: as Anpa de Lugo urxen unha rectificación para dispor de profesorado

Varias Anpas de distintas comarcas de Lugo protestaron ante o edificio administrativo da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario)
A Galiza contará con mási de 31.603 docentes para 307.854 estudantes, segundo datos da Consellaría de Educación.

"Non se poden escatimar recursos no futuro da Galiza". A Federación provincial de asociacións de nais e pais de alumnado de centros de ensino público de Lugo (Fapacel) convocou esta terza feira unha concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta da Galiza en Lugo para protestar contra os recortes educativos, nomeadamente en moitos colexios do rural.

Na mobilización participaron contaron o apoio de concelleiras, concelleiros e cargos do BNG, que segundo salientaron nun comunicado, e de acordo con datos oficiais, "entre o 2009 e o 2022 o gasto en educación no conxunto do Estado incrementouse un 19,4 %, mentres que en Galiza creceu tan só un 9,9%".

O Bloque reclama, entre outras medidas, un sistema de axudas para todas as familias, a aplicar xa este mesmo curso co abono directo dos gastos en libros de texto. Ademais, proponse o incremento de persoal de apoio para os nenos e nenas que requiren atención específica por algún tipo de discapacidade ou diversidade garantindo os mesmos dereitos á educación pública e a redución das ratios nas aulas dos centros de ensino públicos.

Recursos para acabar co adiscriminación

Desde Fapacel urxen á Consellaría a rectificar e achegar profesorado a aqueles centros que viron reducido o número de docentes e xustifican a necesidade ben mestres a tempo completo ben especialistas para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Os recortes, aseguran, afectan a colexios de todas as comarcas, que suporán un grave prexuízo para a calidade do ensino.

Neste sentido, reclaman ao Goberno galego que preste atención ás necesidades de cada centro ou contorna educativa para paliar as necesidades de recursos que manifestan en cada caso. Só así se poderán paliar as diferenzas e evitar a discriminación entre un alumnado de primeira e outro de segunda, afirman.

Familias de Guitiriz, Castro de Rei, Portomarín, A Pobra do Brollón, Sober, Chantada... levan semanas dando a coñecer como lles afectan os recortes aplicados pola Xunta. Perden profesorado e fican con ratios que, nalgúns casos exceden o máximo permitido. O seu berro é pola defensa da Educación pública.

Esta cuarta feira, 11 de setembro, comeza un novo curso escolar con protestas en toda a Galiza contra os recortes e a improvisación con que iniciarán as aulas algúns centros, cun trasnporte escolar deficiente ou sen os apoios educativos suficientes para atender as demandas de alumnado e familias.

Máis de 300.000 estudantes na Galiza

Pola súa parte, o conselleiro de Educción, Román Rodríguez avanzou esta terza feira no Pleno do Parlamento a petición propia, que a Galiza contará este curso cun total de 31.603 profesores, "a cifra más alta da historia no ensino da Comunidade". Os centros de ensino acollerán este curso 307.854 estudantes, 3.289 menos, especialmente nas etapas de Infantil e Primaria.