Plataforma galega parodia en San Caetano o modelo PP para o ensino

Parodia dos recortes
Cregos e bispos, separación entre 'bois' e girls, spaninglish... e unha grande tesoira que todo o recorta. A Plataforma galega en defensa do ensino público misturou sarcasmo e denuncia para criticar o inicio dun curso escolar con menos profesorado e máis sometido aos intereses e ideoloxia conservadora ca nunca

Unha pequena aula con separación entre 'bois' and 'girls', como nos colexios concertados subvencionados pola Xunta de Feijóo, estivo esta segunda ás portas de San Caetano. E os mestres Jesús Vázquez e Núñez Feijóo (transfigurados en cabezudos) dando aulas. Poñendo cara rara perante preguntas do alumnado sobre Castelao ("Castellano, quien es ese, por Dios?") e recrimando que empregasen o galego ("in inglish, plis"). Alén da aparición do bispo para bendicir a aula, recibido con xenuflexións por conselleiro e presidente, que coroaron Su Eminencia con feixes de billetes para amosaren o apoio da Xunta a este tipo de ensino. 

Foi unha parodia, si, mais o propio responsábel de CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que "máis que unha parodia, é a realidade teatralizada". Porque nese 'sketch' de 20 minutos (que fixo escachar a risa en varias ocasións ás persoas presentes) denunciábase todo o que vén neste curso escolar e que se estivo fraguando neste "trienio negro" para o ensino galego que, sinala a Plataforma, foi o mandato de Feijóo.

Sempre en Recortes

O goberno de Núñez Feijóo fai "unha aposta polo ensino privado concertado" e os seus recortes implican "masificación de aulas e falta de profesorado", alén da cruzada contra o galego que "se plasma na cativa presenza do noso idioma no sistema escolar", salientou Louzao.

Nesta lexislatura, lembran na Plataforma galega en defensa do ensino público, hai 2.500 profesor@s menos no ensino público, alén de destinar 240 millóns de euros anuais ao concertado. E hai por volta de 800 profesor@s a dar aulas de materias das que non son especialistas, e 55 mestr@s fundcionari@s de carreira que aínda non teñen asignado destino.

Mais o panorama é aínda máis negro, como denuncia a Plataforma. Masificacións de alumnado, disminución da calidade por mor destes recortes...

Conculcar un dereito fundamental

"Estase a conculcar o dereito á educación ao alumnado", afirma Anxo Louzao, e moi especialmente a aquel que ten necesidades especiais. Xa que logo, o PP levou a súa particular versión so darwinismo ao ensino, desprotexendo @s máis necesitad@s e con menos recursos (tanto alumnado como familias) e beneficiando sempre as persoas máis pudentes. Nada, doutra banda, que a Xunta non estea por levar en calquera outro eido da súa política na sociedade. Mais no ensino é especialmente moito máis grave.

A Plataforma galega leva meses denunciando que baixo o mandato de Feijóo falar de ensino público (e galego e de calidade) na Galiza é a cada vez máis unha utopía. Por iso fixeron unha parodia (ou "realidade teatralizada"), para rirmos á vez que tomamos conciencia. Porque só rir non vale. Dicíao Castelao: "Non vos riades, que o conto é triste".