Entra en vigor a primeira lei europea que obriga a restaurar a natureza

Terreos ao carón do río Portapego, en Touro (comarca de Arzúa), afectados polos ácidos da mina cobre. [Foto: Xan Louzao]
A Lei de Restauración da Natureza, a primeira normativa da historia da Unión Europea que obrigará aos estados a restaurar a natureza e non só protexela, entra en vigor este domingo despois de estar preto de descarrilar durante a súa tramitación.

A Comisión Europea anunciou a entrada en vigor este domingo 18 de agosto da lei de restauración da natureza, destinada a devolver os hábitats ao seu estado natural, que foi aprobada a mediados de xuño tras meses paralizada por falta de consenso no Consello.

Con este texto, a Unión Europea busca recuperar polo menos o 20 por cento das áreas terrestres e mariñas da comunidade para 2030 e todos os ecosistemas que o precisen para 2050.

Entre outros puntos, o regulamento estabelece obrigas para recuperar o 30% das turbeiras baleiradas para uso agrícola, non reducir as zonas verdes urbanas, eliminar barreiras artificiais nos ríos comunitarios ou repoboar bosques. Ademais, dá até o final desta década para reducir á metade o uso de pesticidas e fai énfase na inclusión de elementos paisaxísticos que aumenten a densidade de especies que polinizan as plantas. Por outro lado, cando unha área se atope en boas condicións, os Estados deberán velar por que non se deteriore.

A Eurocámara tamén respaldou a directiva acordada cos Estados para ampliar a listaxe de delitos ambientais -que incluirá o comercio ilegal de madeira e o esgotamento dos recursos hídricos- e endurecer as sancións a individuos e empresas.

Actualmente, ao redor do 80 por cento dos hábitats do territorio comunitario están en mal estado, segundo datos da propia UE. Así mesmo, o 70 por cento dos solos están en estado insalubre e o 10 por cento das especies de abellas e bolboretas están ameazadas de extinción. 

Unha tramitación complexa

O obxectivo da lei é aliñar a lexislación comunitaria cos acordos das Nacións Unidas sobre biodiversidade pero, durante a súa tramitación, o texto converteuse nun símbolo da batalla ideolóxica arredor da axenda verde. 

As primeiras discrepancias sobre o seu contido xurdiron no Parlamento Europeo, onde os negociadores do Partido Popular Europeo se levantaron da mesa de negociacións na que os eurodeputados de todos os partidos trataban de acordar unha posición común para negociar cos Estados, representados polo Consello. 

A lei acabou superando por pouco todos os votos aos que se enfrontou, tanto a nivel de comisión parlamentaria como no pleno, onde un grupo de eurodeputados populares se rebelaron contra a posición do seu partido e votaron a favor de continuar a súa tramitación xunto á esquerda, os socialdemócratas, os liberais, e os verdes. 

Despois dunha complexa negociación entre Parlamento e Consello que diluíu a ambición dalgúns dos obxectivos, foi o goberno húngaro o que de súpeto cambiou a súa posición cara ao 'non' e deixou o apoio á lei por debaixo da maioría cualificada necesaria para aprobala: 55% dos Estados membros que representan o 65% da poboación.

Finalmente, en vésperas da votación final Austria pasou ao lado do 'si', permitindo así aos países que a apoian representar o 66,07% da poboación da UE. A lei, que fora obxecto dun longo e acalorado debate,

Así, esta primeira lei europea de biodiversidade saíu adiante co voto a favor de 20 estados membros, a abstención de Bélxica e o rexeitamento de Finlandia, Italia, Hungría, Países Baixos, Polonia e Suecia, que alegaron o seu elevado gasto e posíbel repercusión na o sector agrario como motivo do seu rexeitamento.