"Está entrando auga. Temos medo", o berro de auxilio dos mariñeiros do Villa de Nores

Pesqueiro na zona do naufraxio do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Forzas Armadas do Canadá)
O pesqueiro, da mesma armadora que o Villa de Pitanxo, está en augas de Terra Nova cunha vía de auga

Os mariñeiros do Villa de Nores, pesqueiro irmán do Villa de Pitanxo, denuncian unhas condicións de seguridade pésimas no buque que está a traballar en augas de Terra Nova. O engraxador do barco confirmáballes a distintos medios que tiñan unha vía de auga, que nun primeiro momento lograron controlar pero que temen poida abrir outra vez.

A bordo do buque hai 29 tripulantes que denuncian as condicións de inseguridade nas que se atopan.

 

 

Os mariñeiros relatan que tiveron que pechar as portas con cadeados para impedir a entrada de auga. Segundo os voceiros dos familiares das vítimas do Villa de Pitanxo a Consellería do Mar explica que Salvamento Marítimo Madrid xa se puxo en contacto co armador e que este negou calquera tipo de problema de seguridade no barco.

As queixas dos mariñeiros prodúcense apenas dous meses despois de cumprirse o primeiro aniversario do peor accidente que sufriron os pescadores galegos nos últimos 40 anos. Quince dos tripulantes nunca foron localizados. As familias das vítimas levan meses reclamando un descenso ao pecio que, finalmente, terá lugar a mediados de 2023.