Entrevista a Martiño Noriega no Sermos186

O alcalde de Santiago e co-portavoz nacional de Anova fala con Sermos sobre a situación no concello e sobre a política nacional galega, con reflexións a respeito de que tipo de candidatura apresentar á Xunta.

Esta quinta feira 10 de marzo sairá do prelo o número 186 do semanario Sermos Galiza. Entre os contidos, unha entrevista con Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela e co-portavoz nacional de Anova. O político fai balanzo dos seus 8 meses de xestión ao fronte da capital da Galiza e reflicte tamén sobre o proceso da "unidade popular" -coa hipótese de se converter En Marea nun partido político- e sobre as condicións que ao seu xuízo debe reunir a candidatura á presidencia da Xunta.

Alén desta conversa, o Sermos186 -e xa nas páxinas de Opinión- verá a segunda entrega de Arrenégote Demo, a columna de Antón Losada, ben como unha nova peza da serie Foeminas Xenéricas de Luz Darriba.

O número vén ben completiño, cun artigo sobre Luís Porteiro, na serie de columnas que dedicamos ás Irmandades da Fala, da autoría de Xoán Carlos Garrido. Hai máis, en Letras Miúdas Mónica Pazos fálanos do último libro de LIX de Xerais, en tanto que Felipe Senén escribe sobre as estacións dos camiños de ferro nas súa sección Eiras das Mouras e na crítica de música Olga Brañas debrúzase sobre o traballo de Xabier Díaz e as Adufeiras.

A refundación do Centro Dramático Galego, aliás, é o argumento do texto que sobre teatro asina o noso crítico de cabeceira, Manuel Xestoso.

Hai máis, claro, moito máis, só hai que agardar unhas horas para disponibilizarmos o Sermos186, esta noite xa na nosa loxa e mañá quinta feira nos pontos de venda habituais e nas moradas das persoas asinantes.