A eólica e Altri centran o Día do Medio Ambiente na Galiza

Emprazamento na Pastoriza (A Terra Chá) onde proxectan o eólico que ameaza o millafre real (á dereita) [Fotos: Adega].
No Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora esta cuarta feira, 5 de xuño, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) repasa os principais desafíos que enfronta o territorio nun momento en que a conciencia social crece e as políticas públicas non sempre dan resposta ás urxencias ambientais.

Abordar a actual transición ecolóxica é un dos retos máis esixentes que enfronta a Galiza na actualidade. Para Belén Rodríguez, secretaria executiva de Adega, cómpre un "cambio profundo no que sería o actual modelo de implantación das enerxías renovábeis porque o que se está a desenvolver non atende a criterios de carácter ambiental nin tampouco social", polo que chama a revisar as estratexias de asentamento de enerxías limpas e, por extensión, a estratexia de transición ecolóxica da Galiza.

A protección da paisaxe, da biodiversidade e dos recursos naturais fai parte deste conxunto de medidas que lonxe de degradar aínda máis o territorio debera velar pola conservación e o uso sostíbel do patrimonio natural.

Neste sentido, Rodríguez identifica unha grande ameaza nos "vellos modelos de explotación de recursos naturais que se están a recuperar cando pensabamos que xa estaban caducos e desaparecidos das axendas políticas". Desde Adega censuran que se estea a considerar darlle unha segunda vida a antigos proxectos de explotación mineira que buscan aproveitarse do territorio "con vellas fórmulas", obsoletos, e polo tanto moi custosos en termos medioambientais.

Esta mesma práctica reprodúcese fóra do ámbito da minaría. "Estanse a recuperar proxectos cun alto impacto ambiental a nivel de país como o pretendido por Altri e Greenalia en Palas de Rei", que obedece tamén a "modelos caducos de explotación de recursos naturais" que poñen de manifesto a conivencia entre gobernos e grandes promotoras no que sería a privatización dos recursos que son de todos".

Para Belén Rodríguez esta explotación de recursos naturais ten que estar dirixida e planificada en función das "necesidades do país" polo conxunto das administración públicas e coa participación da cidadanía, "de aí que apostemos por aplicar criterios de carácter ambiental e de xustiza social, procurando que esa explotación de recursos propios reverta en beneficio dos galegos e galegas, que é algo que non ocorre".

A riqueza, a creación de emprego e os tributos que xeran as empresas promotoras da explotación eólica, por exemplo, adoitan marchar para fóra, di, ao tempo que mudan a paisaxe para sempre, a actividade socioeconómica e o patrimonio cultural e natural. Esta terza feira Adega lanzou unha campaña para protexer o millafre real, unha ave en perigo de extinción, ameazada polo eólico Carballal, proxectado por Greenalia na Pastoriza (A Terra Chá).

Residuos e incendios

Cambio climático, enerxía e mobilidade urxen unha política renovada, "un cambio profundo", insiste Rodríguez, que tamén reclama para a xestión de residuos e dos incendios forestais. Nos dous casos fala de "problemas crónicos". O primeiro favorecido pola "dependencia" de Sogama, que afasta Galiza de "modelos baseados na redución, reutilización e reciclaxe, onde a compostaxe ocupa un lugar privilexiado fronte a outros tratamentos da materia orgánica". 

O segundo aguilloado por unha eucaliptización moi agresiva do territorio, que agrava a erosión do solo, a perda de biodiversidade e cada vez máis de superficie agraria útil.

Ter unha sociedade crítica co que sucede no noso medio ambiente é importante para poder defendelo

Proxectos como o de Altri estarían a condicionar a planificación forestal. "Ao final son estes grandes proxectos de enclave os que están planificando na sombra e na realidade as políticas ambientais do territorio", asevera Rodríguez.

A secretaria executiva de Adega defende que no centro de "nosa crise ambiental" está esta dependencia de intereses alleos para a xestión dos "nosos recursos naturais", que sería o primeiro a atallar.

Sociedade crítica

Con este obxectivo destaca a forza mobilización cidadá, cada vez máis visíbel e combativa ante determinados proxectos ou actuacións que implican un impacto moi grande non só para o medio ambiente, senón tamén para a vida en xeral e mesmo para a saúde pública. "Ter unha sociedade crítica co que sucede no noso medio ambiente é importante para poder defendelo".

A título individual "sempre podemos mellorar, adquirir novos hábitos máis respectuosos" no que se refire ao consumo enerxético e alimentario, á mobilidade ou a xestión dos residuos. "Pero para facelo ben moitas veces precisamos que a administración pública nolo poña tamén máis fácil, porque non podemos coller o tren se non chega ningún, nin podemos consumir produtos de calidade de proximidade se se está a eliminar a superficie agraria en favor do eucalipto, que ben se queima ben se destina a pasta de celulosa, sen xerar riqueza".


Unha xornada de divulgación e reivindicación do medio natural

A asociación ecoloxista Adega súmase esta cuarta feira ao movemento mundial para a protección dos ecosistemas impulsado pola ONU con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente baixo o lema "As nosas terras. O noso futuro. Somos a #XeraciónRestauración".

Adega desenvolverá por todo o territorio unha ampla axenda de actividades. Pontecesures (comarca de Caldas), Ourense e A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) acollerán accións dirixidas a escolares, un obradoiro e dúas andainas no marco do Proxecto Ríos para mellorar a calidade ambiental dos ecosistemas fluviais, reducir o consumo e a contaminación da auga.

Betanzos (As Mariñas), Compostela, Lugo e A Pobra do Brollón (Terra de Lemos) serán escenario de encontros, coloquios e charlas sobre o impacto eólico, o futuro das renovábeis e as consecuencias ambientais da macrocelulosa que Altri busca instalar na Ulloa.

Apagada

Por outra parte, as deputacións de Lugo e Pontevedra máis unha vintena de concellos galegos participarán da apagada convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no marco do proxecto europeo 'People and Planet'. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública co fin de concienciar sobre o consumo de enerxía.