Máis de 200 colectivos chaman a mobilizarse contra a 'depredación eólica'

Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)

A plataforma convoca unha concentración o próximo domingo, 23 de abril.

A Coordinadora Eólica Así Non convoca unha mobilización en Santiago de Compostela, o vindeiro domingo 23 de abril, rodeando o complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta da Galiza, coincidindo coa data límite estabelecida pola normativa vixente para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos na Galiza con Declaración De Impacto Ambiental (DIA) favorábel.

Esta mobilización chama a veciñanza, as plataformas de veciños e veciñas afectadas e todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual “modelo depredador da enerxía eólica” a rodear o edificio de San Caetano da Xunta da Galicia, en Santiago de Compostela, para manifestar “a repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser inminente”.

Baixo o lema “Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa”, a mobilización pretende esixir ao executivo galego que denegue as autorizacións dos macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro.

Os 77 parques eólicos aos que a plataforma fai referencia teñen de prazo límite até o 25 de abril para poder acadar autorización previa administrativa por parte da Xunta, segundo o estabelecido polo Real Decreto-lei 23/2020, de 23 de xuño, polo que se aproban as medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

“Catástrofe ambiental”

A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 colectivos galegos do eido ecoloxista, sindical, cultural, veciñal e comunidades de montes, advirte das “dramáticas consecuencias” que tería para o conxunto do país a aprobación destes 77 macroproxectos eólicos, constituíndo en si mesma unha “auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes”, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían “dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio”.