A eólica mariña busca desembarcar na costa galega: na Mariña, A Coruña e Val Miñor

Mapa das augas territoriais da Galiza coas zonas nas que Asime propón implantar parques mariños e os espazos excluídos (Infografía: Nós Diario).
A patronal do metal presenta un informe no que propón tres zonas de implantación (a curto, medio e longo prazo) da eólica mariña na Galiza. A institución advirte que a pregunta non é se hai que apostar nesta estratexia senón "onde e como".

A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), a patronal do sector, presentou nesta quinta feira o Estudo preliminar sobre o potencial da enerxía eólica mariña, no que analiza as posibilidades que ofrece a costa galega para o aproveitamento eléctrico.

Para o presidente de Asime, Justo Sierra, esta podería ser "unha oportunidade sen precedentes" para Galiza. "É unha industria que pode ser chave para afrontar os retos que se nos presentan, como reducir a dependencia enerxética doutros países, dar resposta ao incremento no consumo eléctrico e contribuír á descarbonización", dixo, e afirmou que a pregunta "non é se debemos implantala", senón "onde e como". "Podería xerar no país até 5.000 empregos directos de aquí a 2030, e chegar a producir 17.000 xigawatts", engadiu.

No acto en que se presentou o citado estudo tamén interveu o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que salientou a "responsabilidade común" de explotar as capacidades da eólica mariña a nivel enerxético e industrial: "É a nosa vontade facelo desde o consenso, garantindo o seu desenvolvemento desde o respecto ás actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño".

Zonas proxectadas

Asime propón tres "zonas potenciais" para a implantación de aeroxeradores a curto (entre os próximos cinco e oito anos), medio (de oito a dez anos) e longo prazo (a partir de dez anos), das que exclúen os caladoiros de pesca e os espazos de acuicultura mariña (viveiros e bateas) que recolle o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación: A Mariña-Xove, Punta Langosteira-Sabón e Val Miñor-Atios.

Para iso, diferencia entre as zonas de tipo 1, desde as 2,5 millas náuticas de distancia á costa até as 12 millas e cunha profundidade mínima de 50 metros, e de tipo 2, de 12 a 24 millas e con profundidade superior a 100 metros.

Neste senso, a Xunta expuxo esta mesma semana a súa intención de converter Ferrolterra nun "polo industrial de enerxía eólica", unha proposta que trasladou ao Executivo de Pedro Sánchez para incluír no Pacto de Estado por Ferrol. Aliás, Greenalia opta aos fondos europeos Next Generation cun proxecto eólico mariño na Galiza como o que xa está a tramitar co Goberno de Canarias.

Efectos sobre a contorna

Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), expón a Nós Diario os "dous principais problemas" que poderían implicar estas instalacións: "En primeiro lugar, as zonas pouco profundas nas que se poderían ancorar os aeroxeradores adoitan ser dunha alta produtividade biolóxica e moi importantes para a conservación dos recursos mariños, polo que poderían entrar en conflito cos intereses pesqueiros. E, por outra banda, toda a costa galega é zona de paso de milleiros de aves mariñas, até 5.000 por hora".

O biólogo pregúntase "como van cuantificar" as aves falecidas contra as aspas dos muíños, xa que "o mar non deixa rastro", e salienta a este respecto que o Goberno galego "non ten ou non quere facilitar" os datos de mortalidade de morcegos e aves nos parques eólicos terrestres, unha información demandada en diferentes ocasións pola SGHN. Así mesmo, González Prieto lembra a importancia de apostar "polo aforro enerxético e a eficiencia".

O sector do mar pide "respectar" a actividade pesqueira

Fontes da Federación Galega de Confrarías consultadas por este xornal afirman que a Xunta aínda non lles comunicou os detalles pormenorizados do proxecto, mais advirten das súas "liñas vermellas": "Nós non temos ningún inconveniente, sempre e cando non teña consecuencias sobre a nosa forma de traballo ou a biodiversidade".

Aliás, apuntan que, malia que os muíños non se situasen perto da costa para non prexudicar a pesca de baixura, "máis aló poderían afectar o arrastre".