"Aparecen novas substancias nos pellets": novo informe do equipo de investigación en ecotoxicoloxía e contaminación mariña da Uvigo

Recollida de pellets (Foto: Jorge Peteiro / Europa Press).

Detectan dúas novas substancias químicas sintéticas nas bolas a respecto do informe anterior.

Ecotox é un equipo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña que pertence á Universidade de Vigo. Está formado por membros do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e do Departamento de Química Analítica e Alimentaria. A principios de semana publicou na súa web unha información a respecto da súa primeira analñitica dos pellets que estaban chegando á Galiza.

Esta sexta feira publicou unha nova achega, “Aparecen novas substancias nos pellets”. Indica que nun segundo informe feito público pola Xunta da Galiza "inclúese información procedente de estudios de migración, que detectan dúas novas sustancias químicas sintéticas".

“Un é un antioxidante fenólico comercialmente denominado Iraganox-1010 (CAS 6683-19-8) con toxicidade acuática crónica nivel 3 (nunha escala de 1 a 4 onde 1 é a máis alta), e un antioxidante organofosforado (CAS 31570-04-4) denominado Irgafox-168".

"Posteriormente o grupo de investigación QANAP da Universidade da Coruña publicou un informe cos resultados da caracterización cualitativa destes pellets no que se confirma a presencia maioritaria do UV622, e se detecta unha lista de 14 sustancias máis empregadas como aditivos de plásticos, incluíndo novos estabilizadores UV de base amina (CAS 4221-80-1, CAS 129757-67-1 e CAS 52829-07-9), octilfenol, e tres antioxidantes dos que non se subministra número CAS.Actualmente estamos recompilando a información ecotoxicolóxica destas sustancias, para algunhas delas moi escasa”.

No primeiro informe, Ecotox sinalaba que a matriz destas bólas de plástico é o polímero máis habitual, polietileno, "totalmente inocuo". PERO (Ecotex pon este adverbio en maiúsculas) conteñen entre 10 e 3% "dun aditivo químico empregado como estabilizador ultravioleta (como era de esperar dadas as etiquetas dos sacos)". Este aditivo, informan, denominado UV622 (número CAS 65447-77-0) é á súa vez "un polímero non biodegradábel con dous compoñentes".

Por unha parte, o ácido succínico, "un ácido orgánico sen problemas a nivel toxicolóxico", e unha suBstancia sintética da familia das aminas aromáticas que lle dá as súas propiedades antioxidantes (número CAS 52722-86-8). "Esta substancia está clasificada pola Axencia Química Europea como con toxicidade crónica (sería tóxica en exposicións prolongadas, que non é o caso duns labores de limpeza puntuais), e irritante para os ollos (polo que na limpeza debe terse esta precaución)"