DENUNCIA DA REPRESENTACIÓN DOS TRABALLADORES DA SANIDADE VIGUESA

O “ERE encuberto” da Xunta que ameaza 300 empregos na Sanidade viguesa

.

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo anunciou neste inicio de semana que regresará á rúa para denunciar o avanzo do proceso de privatización da sanidade pública.

 

Representantes dos traballadores e traballadoras da sanidade pública viguesa anunciaron un calendario de mobilizacións para, din, rexeitar a política de privatizacións da Consellaría de Sanidade. A representación do persoal explicou que após a privatización dos servizos non sanitarios (lavandeiría, cociña, mantemento) virá a dos servizos sanitarios (laboratorio, xestión clínica), coa conseguinte perda de postos de traballo. Consideran que a Xunta pretende aplicar un “ERE encuberto” e advirten que perigan máis de 300 empregos.

“Asistimos a un claro avanzo do proceso de privatización e vemos como a folla de rota do Sergas é moi similar á de Povisa”, indican. Neste senso, sinalan que nos últimos tempos rexistrouse unha redución do 16% nos cadros de persoal, “cifra que no caso dos médicos/as elévase até o 22%”.

Consideran que a Consellaría está a experimentar coa Área Sanitaria de Vigo para aplicar despois as mesmas políticas no resto do país

Consideran que a Consellaría está a experimentar coa Área Sanitaria de Vigo para aplicar despois as mesmas políticas no resto do país. “Aquí xa temos un novo hospital que vai ser de xestión privada”, lembran. Finalmente, adiantan que este calendario de mobilizacións pretende ser a antesala “dunha protesta máis contundente”.

Calendario

A primeira protesta vai ser unha cacerolada e decorrerá mañá cuarta feira diante das Urxencias do Xeral ás 11.00 horas. Ao día seguinte, a mobilización hase de trasladar ao Meixoeiro. En paralelo, a Xunta de Persoal anunciou a realización dun velorio nas inmediacións do hospital Xeral o vindeiro día 26 ás 20.00 horas, ademais de apoiar publicamente a manifestación de SOS Sanidade Pública prevista para mediados de marzo.