A organización estudantil Erguer arrinca o compromiso do equipo de Goberno da USC de romper relacións coas universidades israelís

Mobilización de Erguer en solidariedade con Palestina (Foto: Arxina).
O equipo de Goberno da USC comprométese a intensificar o seu apoio e relación con universidades palestinas e a non asinar novos convenios "nin a manter ningún tipo de relación científica ou académica" coas israelís se non asumen "explicitamente" a petición de alto o fogo.

O equipo de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) comprométese a cortar relacións coas universidades e empresas israelís e reclama "deter o xenocidio" contra o pobo palestino, así como un "cesamento do fogo inmediato e permanente" en Gaza para que entre axuda humanitaria.

Mobilización de Erguer en solidariedade con Palestina (Foto: Arxina).

Así quedou estabelecido nun comunicado do equipo de Goberno da USC (conxuntamente con Erguer) publicado despois dunha reunión mantida ao mediodía desta cuarta feira coa organización estudantil Erguer, que precisamente protagonizou nesta xornada protestas no centro histórico compostelán con estas peticións.

Comunicado conxunto do equipo de Goberno da USC e Erguer.

O equipo de Goberno da USC lembra que estas reivindicacións "reafirman" a súa posición xa acordada polo claustro. Así, a institución compostelá emitiu un comunicado conxunto con Erguer, e coa sinatura do reitor da universidade, Antonio López Díaz. Neste documento recóllense oito puntos nos que reclama o cesamento do xenocidio e se denuncian os ataques e a destrución das entidades educativas na franxa de Gaza.

Mobilización de Erguer.

Ademais, o equipo de Goberno da USC comprométese a intensificar o seu apoio e relación con universidades palestinas e a non asinar novos convenios "nin a manter ningún tipo de relación científica ou académica" coas israelís se non asumen "explicitamente" a petición de alto o fogo. Ademais, o órgano da institución promete "revisar e suspender calquera relación económica con institucións e empresas israelís" que non compartan estas reivindicacións. Así mesmo, no comunicado ínstase á comunidade internacional "a finalizar coa súa inacción e recoñecer o Estado de Palestina, así como o seu dereito á autodeterminación", xunto co retorno dos refuxiados e das refuxiadas ás súas vivendas. Tamén se exixe a fin "da ocupación e colonización" e "das leis de discriminación" do pobo israelí cara ao palestino.

Segundo salienta a Nós Diario o responsábel de Organización de Erguer, Artai Gavilanes, o equipo de Goberno da USC comprométese a defender estas reivindicacións ante o Consello de Goberno da institución, que terá lugar o próximo 31 de maio. Desde o colectivo estudantil dan por feito que o comunicado sairá adiante tamén neste órgano. Ademais, aínda que consideran que o documento non cumpre con todas as súas reivindicacións, mostran a súa satisfacción polo que entenden un paso adiante.

Concentracións de Erguer

Precisamente, esta cuarta feira varias decenas de mozas e mozos concentráronse en Compostela, convocados polo sindicato estudantil Erguer, para exixir ao Goberno da USC que corte todo tipo de relacións con universidades e empresas de Israel.

Mobilización de Erguer en solidariedade con Palestina (Foto: Arxina).

As participantes na protesta exhibiron bandeiras palestinas e estreleiras, á vez que coreaban consignas como 'Fóra sionistas da universidade', 'Desde o río até o mar, Palestina vencerá' e 'Xerencia, escoita, estamos en loita'. Posteriormente, entregaron un escrito coas súas reivindicacións para que chegase ao reitorado.

Mobilización de Erguer en solidariedade con Palestina (Foto: Arxina).

O obxectivo era reclamar que a USC condenase de forma oficial "un xenocidio en curso" que se está producindo por parte de Israel na Faixa de Gaza, que reclame "un alto ao fogo" e que aposte pola "autodeterminación" de Palestina.

Mobilización de Erguer en solidariedade con Palestina (Foto: Arxina).

Máis en plano académico, a concentración de Erguer pediu "un boicot" a Israel efectivo, o cal implica non participar en investigacións nin artigos coas súas universidades, nin estabelecer negocios coas súas empresas. Todo iso unha semana despois do inicio da acampada estudantil en apoio a Palestina na Facultade de Xeografía e Historia da USC.