Erguer censura a conversión do antigo hospital universitario de Compostela nunha residencia privada

Concentración de Erguer esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
A organización reclama unha aposta da Xunta e do Estado para desenvolver residencias públicas en Compostela.

Militantes da organización estudantil Erguer denunciaron esta terza feira a través dun comunicado a conversión do antigo hospital universitario en residencia e hotel privado. Así o fixeron un día despois de realizar unha simbólica concentración ante o edificio.

Neste antiga propiedade da Universidade vendida en 2023 a Bestinver, un fondo de investimentos, procederase, segundo lembra Erguer, a unha apertura dunha residencia e dun hotel que está prevista para o curso universitario 2025/2026.

Neste sentido, a organización estudantil denunciou este feito, sinalando que con isto se perde "a oportunidade de crear máis prazas para un sistema público de residencias saturado".

O inmóbel, que contará cuns 400 cuartos, estará fundamentalmente dirixido a "estudantes de rendas altas, con prezos inaccesíbeis para a maior parte das estudantes", segundo explicou Lucas Pardo, responsábel deste colectivo en Compostela.

Desde Erguer sinalan como culpábeis á Xunta da Galiza e o Goberno do Estado español, aos que acusan de inacción e desleixo, mais tamén ao propio Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ao que solicitan que demande das Administracións o financiamento necesario para ampliar o SUR (Sistema Universitario de Residencias).

30 anos sen novas residencias

"Levamos 30 anos sen novas residencias públicas na cidade, mais a demanda crece cada ano porque os pisos son cada vez máis precarios e os prezos soben", afirmou Pardo. Segundo o comunicado da organización, Erguer propón as súas propias medidas para aliviar esta situación.

Por unha parte, propoñen "a recuperación do inmóbel de Galeras para o incorporar integramente ao SUR", así como "a construción dunha nova residencia pública". Ademais, tamén apostan pola "creación dunha bolsa de vivenda pública para alugar ao estudantado".

Finalmente, a organización anunciou un calendario de mobilizacións que terán lugar en setembro, no inicio do novo curso. "A vivenda é dos maiores problemas para as estudantes e a nosa responsabilidade é actuar", sentenciou Pardo.