Vivenda

Erguer convoca unha folga estudantil o 2 de outubro contra a crise da vivenda e os "alugueres imposíbeis"

Estudantes da Galiza durante a presentación da campaña sobre vivenda. (Foto: Arxina)
O aluguer é para moitas estudantes o principal gasto á hora de acceder ao ensino superior, manteñen desde Estudantes da Galiza.

A organización estudantil Erguer, Estudantes da Galiza, presentou hoxe a súa nova campaña centrada na problemática da vivenda que decorrerá durante todo o mes de setembro e que finalizará cunha folga estudantil a cuarta feira 2 de outubro.

"O prezo da vivenda na Galiza está disparado e afecta directamente ao estudantado e ás clases populares", afirman. Desde a organización sinalan o aumento dos prezos do aluguer, a turistificación das cidades e a escaseza de prazas en residencias universitarias nos campus galegos como principais focos dunha crise que "limita, empobrece e condiciona a mocidade galega, sendo o principal obstáculo para as clases populares accederen ao ensino superior", destacou Artai Gavilanes, responsábel da organización.

No caso da Galiza, a situación do sistema de transportes e a dispersión da poboación fai que para acceder á oferta de graos universitarios e ciclos de FP dentro do país moitas estudantes teñan que alugar vivenda na cidade na que cursarán os seus estudos. Así pois, "o aluguer é para moitas estudantes o principal gasto á hora de acceder ao ensino superior, que coa actual crise de vivenda, representa unha barreira máis que dificulta e mesmo impide ás estudantes continuar os seus estudos", sinala Artai Gavilanes.

Dereito esencial

No acto de presentación de campaña, Erguer apuntou a orixe do problema: o sistema capitalista na súa fase neoliberal, "que ten como base a mercantilización de todas as esferas da vida, incluídos os dereitos fundamentais como a vivenda". A situación agrávase ante a falta de políticas públicas encamiñadas a mellorar o acceso á vivenda, un problema que se estende por todas as cidades da Galiza, con cadansúas particularidades.

Erguer propón tres medidas concretas para aliviar a presión sobre a vivenda e o alumando universitario: a ampliación das prazas en residencias públicas, a creación dunha bolsa de vivenda pública para as estudantes e a limitación dos prezos de aluguer.

"Estas medidas son esenciais para mellorar as condicións de vida do estudantado no inmediato e avanzar cara a un modelo máis xusto. Se queremos acadar ese obxectivo, o primeiro paso é comezar a organizarnos e mobilizarnos na defensa dos nosos dereitos, tendo sempre en perspectiva a orixe do problema, o funcionamento do sistema capitalista", sentenciou Gavilanes.

Erguer anunciou que o 2 de outubro haberá mobilizacións en todas as cidades galegas. Antes, co obxectivo de facer chegar as súas análises e propostas ao estudantado galego, a organización estudantil iniciará co primeiro día de curso unha campña divulgativa que consistirá en repartos, pasa-aulas, asembleas e xornadas de traballo por todo o país.