Erguer convértese en primeira forza organizada no claustro da UVigo

Erguer obtivo 42% dos claustrais electos. (Foto: Nós Diario)
A organización estudantil obtivo 13 claustrais nos tres campus a raíz das eleccións decorridas na cuarta feira.

A pasada cuarta feira, 4 de maio, decorreron as eleccións ao claustro da Universidade de Vigo (UVigo), uns comicios dos que a organización Erguer. Estudantes da Galiza saíu como gran vencedora, coa proclamación de trece claustrais distribuídos ao longo dos tres campus —Vigo, Pontevedra e Ourense— e "representando 42% dos claustrais organizados".

Deste modo, Erguer ficou como primeira forza organizada na UVigo. "Queremos agradecer a todas as compañeiras que depositaron a súa confianza en nós e no noso proxecto. Non vos fallaremos", celebraron, a través dun comunicado remitido aos medios.

A organización estudantil lembrou que nas eleccións precedentes "50% dos postos de estudantes no claustro ficaron baleiros". Desta volta, as vacantes sen asignar baixaron a 16%: "O número de postos baleiros reduciuse de 37 a 12, mais elixindo menos representantes que nos anteriores comicios".

"Non entendemos isto como unha vitoria sen melloras, pois calquera posibilidade de participación non aproveitada segue sendo unha derrota", matizaron desde Erguer.

Porén, salientaron que non queren "quedar" nos resultados: "Unha organización estudantil voltou protagonizar o traballo a pé de aula, desde a base, creando a única alternativa real: o activismo e traballo solidario entre compañeira".

A participación, porén, foi especialmente baixa entre o alumnado: 4,75%, isto é, menos de cinco de cada cen estudantes. "Os valores de participación son preocupantes e recórdannos todo o traballo que nos queda por facer. E seguimos adiante a pesar das presións que recibimos desde o primeiro momento", concluíu a organización.

Manuel Reigosa, reelixido reitor

Por outra parte, o académico Manuel Reigosa foi reelixido reitor da UVigo con 72,3% do voto ponderado favorábel —1.607 votos a favor, 627 en contra, 177 en branco e 36 nulos—.