Erros na esterilización obrigan a cancelar ducias de operacións en Vigo

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Suspendéronse ao atopar os médicos un po branco nas caixas de instrumental cirúrxico.

Un po branco atopado nas caixas de aluminio de instrumental cirúrxico obrigou a cancelar ducias de operacións nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro. Nesta quinta feira foron 39 as suspendidas no HAC e 4 no Meixoeiro. O Sergas fala de “obsolescencia” das caixas que transportaban ese material e confían en poder resolver en días o problema.

 

O feito foi denunciado por CCOO. Ao se facer pública esta situación, como medida preventiva, e “facendo prevalecer o principio de máxima seguridade para os pacientes”, a dirección da EOXI (Estructura Organizativa de Xestión Integrada) de Vigo decidiu priorizar suspender aprazar algunhas intervencións programadas. Outras das medidas que adoptadas foron a utilización de contedores alternativos (non de aluminio); o empréstito de colectores por parte doutros centros sanitarios; e a utilización doutros soportes substitutivos das caixas como o “embolsado” do instrumental en bolsas estériles. De ser preciso, tamén se recorrerá á esterilización transitoria do material noutros centros.

 

“A nova Central de esterilización do Meixoeiro, que fará no próximo mes de maio dous anos da súa entrada en funcionamento, está acreditada coa ISO 9001-2000 de calidade, sendo o único complexo hospitalario público galego que conta con esta acreditación, que garante o cumprimento dos procesos cos máximos criterios de calidade e seguridade. Precisamente, grazas aos seus mecanismos de control do seu Sistema de Xestión e Trazabilidade é posible detectar de xeito inmediato calquera alteración nos procedementos”, defende o Chuvi.