Eco-Ideas: "A escopeta non é un elemento de xestión da biodiversidade nin de control da fauna"
Como agromou a idea de botar a andar as "Eco-Ideas"?
A crise sanitaria é para Adega unha situación moi significativa, porque consideramos que debaixo de todo isto subxace unha forte crise ambiental. Este debera ser un punto de reflexión, de inflexión, na sociedade en xeral, mais tamén na galega, de modo que mudemos algunhas formas de vida que viñamos tendo, que contribúen a degradar o medio ambiente e que nos fan máis vulnerábeis. Vimos que esta situación podería ser tamén unha oportunidade para ofrecer ou facilitar formas de vida alternativas, accións moi cotiás que poden contribuír a desenvolver unha forma de vida máis amábel co medio ambiente. Así, decidimos compartir eses recursos que nós xa tiñamos e que adaptamos ao contexto actual. Compartimos todo mediante un sistema moi transparente e aberto nunha páxina web, onde fomos colgando todos estes recursos para a sociedade en xeral.
Que recursos podemos atopar nesta web?
Son moi variados e de diferentes formatos. Contamos con obradoiros ou titoriais en vídeo sobre alternativas de consumo ou elaboración de produtos de forma natural; con propostas para aproveitamento de refugallos para a súa transformación en produtos que nos poden ser útiles; cun tutorial sobre compostaxe caseira paso a paso; ofrecemos fichas de actividades e de identificación da biodiversidade, das aves ou de mascotas invasoras (que sacaremos en nada). A nosa intención é aproveitar este tempo para coñecer mellor o medio que nos rodea, para saber que é o que nos achega, a protección e os servizos que nos ofrece a natureza.
Como está a afectar a crise sanitaria á biodiversidade e ao medio ambiente?
O impacto que está a ter esta crise sanitaria no medio ambiente é temporal. Non vai ser significativo no que é o marco da mudanza climática, da erosión dos ecosistemas ou da perda de especies ou de biodiversidade. Para o que si nos serve este momento de crise sanitaria, no que os nosos movementos están limitados, é para decatarnos de que se nós paramos o medio experimenta un respiro, un alivio. Isto é mostra da influencia dos seres humanos na contorna na que vivimos. A diversidade é un aspecto no que se nota moito ese parón dos humanos, pois hai especies que se ven favorecidas. Unha delas é a píllara das dunas, que é un paxariño que se reproduce nos areais e que na Galiza está en perigo de extinción. Que nós non poidamos acudir ás prais, levar as nosas mascotas, implica un importante respiro e alivio para a súa procreación. Tamén hai menos atropelos de especies, ou mesmo de redución do ruído ambiental (70% menos nesta época de confinamento).
E que hai da continuidade da caza como método para a xestión da fauna?
Pensamos é que a Xunta da Galiza non está a xestionar a fauna salvaxe, está a improvisar formas de controlala, que din eles. E consideran que é a favor da biodiversidade, mais isto é un disparate. A escopeta non é un elemento de xestión da biodiversidade, é un elemento de improvisación. A Xunta, desde o noso punto de vista, debe elaborar un Plan de xestión galego de xabaril (que é do que se falou) fundamentado en criterios científicos rigorosos. Pensamos que autorizar a caza durante o estado de alarma non é unha opción, non é unha actividade que se poida considerar fundamental. Deixar que grupos de persoas saian ao monte favorecerá novos focos de contaxio da COVID-19. Esta situación débese tomar en serio, pois é grave, non ten precedentes e require un parón. A xestión da biodiversidade non é o control da mesma. O discurso que se está a difundir de que a fauna silvestre invade as cidades é falso, non se pode usar un método de odio á fauna, mais si debemos buscar fórmulas de xestión e respecto ao medio.