Esculca reclama a liberdade de presas de perfil de baixo risco ou por razóns humanitarias durante a crise da COVID-19

Centro Penitenciario de Teixeiro
Exixen que se revise a posta en liberdade de reclusas vulnerábeis por "motivos humanitarios" e que se garanta a comunicación das presas coas súas familiares. Interior informou hoxe do reparto de 40.000 máscaras nos penais de todo o Estado.

O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca publicou esta semana unha carta aberta ao ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, na que urxe a tomar medidas para garantir a saúde das persoas presas en todo o Estado.

Entre outras medidas, Esculca demanda o envío de material de protección para evitar contaxios así como a contratación de máis persoal para atender ás persoas infectadas. Hoxe mesmo, Institucións Penitenciarias anunciou o reparto de 40.000 máscaras protectoras nos penais do Estado en función do número de traballadoras e reclusas así como de se se localizan en áreas con maior incidencia da COVID-19. Ademais, anuncia que a Unidade Militar de Emerxencias continuará cos traballos de desinfección de varios penais.

Na Galiza, Esculca informa de que ten coñecemento dun caso de contaxio pola nova cepa de coronavirus no cárcere de Bonxe, no municipio de Outeiro de Rei, e outros dous no penal da Lama, no concello homónimo. Hoxe coñeceuse o falecemento da primeira persoa reclusa, unha muller de 78 anos interna na penitenciaría Madrid VII.

O colectivo reclama a posta en liberdade do maior número de penadas e penados posíbel, “sexa por motivos humanitarios ou por baixo perfil de risco”. Tamén, a adopción de medidas para permitir a comunicación das reclusas coas súas familias, despois de que o Ministerio do Interior adoptase unha orde a orde o 15 de marzo na que suspende as visitas presencias.

Segundo lembran desde o observatorio, unha serie de asociacións de defensa do dereito das persoas presas de todo o Estado español fixeron chegar o 16 de marzo unha petición ao Ministerio do Interior. Nela, demandan a adopción de “medidas urxentes de asistencia médica para facer fronte á emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19”. As súas reclamacións baséanse nas recomendacións emitidas pola Organización Mundial da Saúde así como Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa.

As presas tecen máscaras non homologábeis

Institucións penitenciarias tamén informou este 25 de marzo de que as reclusas de penais que contan con obradoiros de produción téxtil ou ocupacionais comezarán a fabricación de máscaras para o abastecemento dos centros.

As máscaras, non homologadas pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios “dada a urxencia da súa fabricación” seguirán o modelo das quirúrxicas. “O seu uso será estritamente individual e seu lavado realizarase a altas temperaturas”, informan desde Interior. Polo momento, os labores realizaranse desde os penais de Madrid I, Sevilla I, Córdoba, Huelva e Topas.