Esculca denuncia "represalias desproporcionadas" na Lama tras un plante dos presos pola falla de lotes hixiénicos

Exterior do cárcere da Lama, na comarca de Pontevedra. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O Observatorio para a defensa dos Dereitos e Liberdades faise eco das queixas dos reclusos castigados por reivindicar a entrega do lote de maio tras non recibir o de abril.

Case dous meses despois dos feitos que motivaron a denuncia de Esculca, o Observatorio para a defensa dos Dereitos e Liberdades láiase da falta de transparencia e das dificultades que teñen para coñecer o que acontece en prisión así como os prexuízos que algunhas decisións ocasionan á poboación reclusa.

A orixe das represalias que agora expoñen de forma pública sitúase nos primeiros días de maio cando os presos dun dos módulos do cárcere da Lama constatan a falta da entrega do lote hixiénico correspondente a ese mes.

Lotes hixiénicos

Os lotes hixiénicos están regulados por instrucións da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Son mensuais e inclúen catro rolos papel hixiénico, pasta dental, tres maquiniñas de afeitar, un cuberto de plástico, catro preservativos, dous sobres de xel lubricante, unha botella de lixivia, xel de baño e crema de afeitar, para os homes, e seis rolos papel hixiénico, pasta de dentes, un cuberto de plástico, dous preservativos, dous sobres de xel lubricante, unha botella de lixivia, xel, 20 compresas normais e outras 20 de absorción dobre para as mulleres.

"Segundo soubemos por varios presos, na Lama alterouse a entrega dos lotes hixiénicos polo menos en dous módulos. En abril non recibiron o dese mes e nos primeiros días de maio, tampouco lles chegou ningún; o que agravou unha situación deplorábel, sen papel hixiénico nin cubertos, o que obrigou a algúns reclusos a compartir os seus e a outros a comer coas mans", aclara Esculca a Nós Diario.

Protesta

O 9 de maio os presos do módulo catro organizáronse para facer unha protesta durante a hora da cea e exixir a reposición dos produtos de hixiene. "Deben estar todos sentados para erguerse segundo os van chamando e recoller a cea. O que fixeron foi acordar non levantarse".

"De 68 só 10 foron buscar a súa cea". O persoal funcionario pediu explicacións a quen non o fixo, momento no que deron conta das súas demandas ante a falta dun lote de primeira necesidade. "A situación resolveuse no momento de forma satisfactoria para os reclusos, que se mantiveron firmes na súa decisión tras informar un funcionario que se comprometeu a trasladar e atender a súa solicitude".

Estáselle negando de forma deliberada o seu dereito á tutela xudicial efectiva

Esa noite os presos puxeron do seu peto para facer un fondo común e mercar no economato unha cea lixeira, "un xesto solidario" que desde Esculca valoran de forma positiva no ámbito penitenciario.

Plante e sanción

"Cando xa estaban nas súas celas media ducia de funcionarios de prisións entraron con cascos e porras para esposar e trasladar a cuartos de illamento os seis que consideraban os cabezas da protesta".

A prisión estimou o xesto dos presos como un plante, considerado unha falta moi grave no regulamento penitenciario, con sanción de illamento de entre 6 e 14 días e dúas horas de patio ao día sen contacto con ninguén.

Esculca denuncia "insultos, golpes e vexacións" durante o traslado dos presos así como a proposta "desproporcionada" da Xunta de Tratamento dun cambio de réxime "ordinario", de segundo grao, a un fechado, de primeiro grao, "finalmente desestimada desde Madrid", así como o cambio de centro penitenciario para cada un deles.

Traslados

Tras case 20 días de illamento, Esculca puido confirmar o traslado de polo menos tres dos reclusos sancionados, ademais do "incumprimento" por parte da prisión da Lama da obriga de tramitar as instancias que os presos dirixan ao xuíz de vixilancia penitenciaria.

"Temos constancia que un dos presos, trasladado a Bonxe, presentou tres escritos os días 11, 18 e 19 de maio pedindo a fin do illamento e aclarando os motivos da súa protesta, tres instancias que o funcionario de quenda lle devolveu sen tramitar, xunto ao resto das súas pertenzas, o día que o cambiaron de prisión". É unha cuestión moi grave, recalcan desde Esculca. "Estáselle negando de forma deliberada o seu dereito á tutela xudicial efectiva".

Trátase dunha vulneración de dereitos fundamentais que se suma, di o observatorio, ao castigo desmedido "ante a organización mínima dos presos para poder reivindicar o que lles corresponde, cando non hai unha inadaptación grave, nin destrución de mobiliario, nin agresións a funcionarios ou a outros reclusos que o xustifiquen".

A falta de reposición do material hixiénico con carácter mensual, para a que Esculca segue a buscar unha explicación, orixinou "unha resistencia que a prisión cortou de raíz coas consecuencias máis duras para a poboación reclusa".

"Cremos que cómpre facer esta denuncia pública", afirman desde Observatorio para a defensa dos Dereitos e Liberdades, á espera de novas confirmacións que lles permitan dar outros pasos.