España quere expulsar unha muller perseguida en Camerún por ser lesbiana

O goberno español nega o asilo a unha muller perseguida en Camerún pola súa condición de lesbiana. A muller pasou máis de dúas semanas na sala de inadmitidos do aeroporto, negándose a regresar ao seu país. 

 

Segundo informa eldiario.es, o Tribunal de Estrasburgo paralizou temporalmente a expulsión da muller de Camerún cando desde España se lle rexeitaba o asilo. O feito de que a muller se negase a subir ao avión fixo gañar tempo ate a chegada da resolución do tribunal europeo que impediu temporalmente a expulsión. Ate esta sexta feira ten Christelle, que é o nome da muller, para tentar evitar ser enviada de novo ao Camerún para o que deberá demostrar o perigo que supón para a súa vida o regreso,. 

En declaracións recollidas por eldiario.es, a muller reclama non ser devolta ao Camerún. “Todas as mulleres que coñezo que foron condenadas por lesbianas desapareceron, nunca máis se soubo delas. En Camerún iría ao cárcere por ser lesbiana e o meu propio entorno repúdiame”, di Christelle Nangnou.