Estabilizado o fogo da Gudiña: xa se circula polo treito fechado ao tráfico na N-525

Bombeiros da brigada forestal de Laza actúan fronte ao incendio forestal declarado na parroquia de Pentes, A Gudiña (Viana). (Foto: @BrifLaza).
A circulación está restablecida entre os quilómetros 138 e 139 da N-525 en ambos os dous sentidos.

Desde a madrugada deste sábado xa se circula con normalidade e en ambos os dous sentidos pola N-525 á altura da Gudiña (comarca de Viana), informa o 112 Galiza, tras de declarar un incendio forestal na parroquia de Fentes.

A vía fora cortada ao tráfico entre os quilómetros 138 e 139 para garantir as condicións de seguridade debido ao fogo, orixinado contra as  17.34 horas.

Segundo a última actualización ofrecida pola Consellaría de Medio Rural, o incendio quedou estabilizado pasada a media noite, contra as 00.43 horas, e a superficie afectada polo fogo alcanza perto de 70 hectáreas, en Pentes mais tamén nunha zona entre San Lázaro e Erosa.

Para a súa extinción, mobilizáronse a cinco técnicos, 12 axentes, 25 brigadas, 20 motobombas, dúas pas, sete avións e nove helicópteros.

Apoio estoniano

Entre as brigadas mobilizadas, participaron tamén dous equipos de bombeiros de Estonia, que se atopan de estancia na Galiza no marco do mecanismo europeo de protección civil. Esta mesma semana xa colaboraron na extinción doutro incendio que afectou o concello de San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense).

A Consellaría do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.