Estabilizados os incendios de Entrimo, no Xurés, e o de Crecente, na Paradanta; tamén o de Oímbra

Axentes do equipo de Bombeiros da Galiza traballan para extinguir o incendio de Crecente (A Parandanta). (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
No municipio de Crecente desactivouse a Situación 2 decretada esta quinta feira de maneira preventiva. A veciñanza regresou ás súas casas.

O incendio de Entrimo (Baixa Limia) atópase estabilizado, informa a Consellaría de Medio Rural, que advirte dun novo fogo na comarca de Verín, en Oímbra, na parroquia do mesmo nome. Segundo vén de confirmar o Goberno galego tamén se dá por estabilizado o de Crecente (A Paradanta).

Neste municipio desactivouse a Situación 2 polo incendio declarado na parroquia de Filgueira. Esta medida adoptouse pola proximidade do lume a núcleos de poboación, que obrigou ao desaloxo dunha vintena de persoas, que xa volveron ás súas casas.

Neste incendio, precisaron fontes de Medio Rural, atopáronse probas que apuntan á intencionalidade do lume. Segundo as últimas estimacións, o incendio, que se iniciou ás 22.32 horas da cuarta feira, día 4, afecta a unha superficie dunhas 300 hectáreas.

Para a súa estabilización mobilizáronse até agora cinco técnicos, 36 axentes, 65 brigadas, 47 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 5 avións. Ademais, xa se retiraron os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), despois de que a Xunta solicitase esta quinta feira pola mañá a súa incorporación aos labores de extinción.

Serra do Xurés e Oímbra

Mentres, o lume rexistrado no municipio de Entrimo, parroquia de Venceáns, está estabilizado desde as 23.36 horas desta pasada quinta feira. O incendio iniciouse a terza en Portugal e entrou en territorio galego a media tarde da cuarta feira, día 4.

Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas, dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Nos labores de extinción deste incendio levan mobilizados, polo de agora, seis técnicos, 30 axentes, 56 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 11 avións.

Ademais, outro de Muíños (Baixa Limia) está extinguido desde as 6.42 horas. Trátase dun fogo rexistrado na parroquia de Requiás, que afectou 5,26 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O incendio iniciouse ás 0.34 horas desta madrugada e para a súa extinción mobilizáronse, en total, unha pa, 7 axentes, 10 brigadas e 10 motobombas.

Por outra parte, Medio Rural vén de confirmar que foi estabilizado outro incendio en Oímbra, na parroquia do mesmo nome, cunhas 20 hectáreas afectadas. O lume iniciouse ás 21.54 horas desta quinta feira. Os medios mobilizados son oito axentes, 14 brigadas, once motobombas e dúas pas.

O lume estivo perto dunha granxa con depósitos de combustíbel, segundo confirmou a alcaldesa, Ana Villarino, polo que se concentraron nesa zona boa parte dos medios desprazados.