Estabilizados a maioría dos lumes, agás no Courel, Valdeorras e O Invernadoiro

Vista aérea do incendio que afectou o concello de Quiroga. (Foto: Brigada de Marroxo)
Após unha semana de incansábel traballo, en condicións precarias, os bombeiros forestais logran conter o avance das chamas en boa parte do país e as persoas evacuadas retornan ás súas casas. Porén, sucédense as críticas desde diferentes sectores da sociedade á xestión do Goberno galego desta vaga de lumes.

O fogo segue a avanzar sen control en lugares como O Courel e Valdeorras, se ben noutros puntos da xeografía galega as brigadas forestais lograron nas últimas horas controlar ou estabilizar os focos activos, que son trece, segundo os últimos datos facilitados na tarde desta sexta feira pola Consellaría do Medio Rural.

A superficie afectada non medrou no último día no 'macroincendio' que xuntou catro focos diferentes en Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón —10.000 hectáreas, alén doutras 1.100 no fogo orixinado na parroquia de Seceda (Folgoso)—.

Porén, debido a que os medios de extinción conseguiron afastar as chamas dos núcleos de vivendas —e agora avanzan lonxe das mesmas—, uns 200 veciños e veciñas dos municipios de Folgoso e Quiroga que foran desaloxadas por precaución puideron volver esta sexta feira ás súas casas, após desactivarse a 'situación 2'.

Non correron a mesma sorte, por desgraza, as vivendas da aldea courelá de Vilar, devorada até os cimentos polas lapas. Canda elas ardeu o museo etnográfico de Vilar.

Precisamente esta sexta feira o Goberno publicou no Diario Oficial da Galiza (DOG) as bases da liña de axudas para a reparación de vivendas, que financiarán 100% dos danos mais terán un tope de 122.400 euros para as de uso habitual e de 61.200 para as segundas residencias.

O outro grande incendio que aínda segue activo, o de Riodolas, en Carballeda de Valdeorras, calcinou até o momento 10.500 hectáreas, as mesmas das que informara na quinta feira Medio Rural. A veciñanza evacuada na comarca tamén puido voltar ao fogar.

Pola contra, si avanzaron as chamas ao longo da última xornada no foco orixinado en Pradoalbar (Vilariño de Conso), con 300 hectáreas perdidas máis que na quinta feira —un total de 5.500—. Unha parte significativa do fogo —a Xunta non concreta a cifra— afecta o parque natural do Invernadoiro, de enorme riqueza ambiental.

Por outra parte, foron estabilizados os tres incendios rexistrados no concello de Oímbra, en concreto nas parroquias de Rabal —2.100 hectáreas—, Videferre —600— e San Cibrao —400—, así como o de Nocedo (Quiroga), que xa se lograra controlar, mais non estabilizar, na quinta feira, logo de arrasar unha quincena de hectáreas.

Nunha situación estábel tamén ficaron os dous fogos de Cervantes, en Cereixedo —65 hectáreas— e O Castro —arredor de 0,5—. Finalmente, o outro incendio do municipio de Quiroga —en Outeiro, 250 hectáreas— e mais os de Antas de Ulla —Santa Mariña do Castro de Amarante, 40 hectáreas— e Palas de Rei Ramil, 375— están baixo control. En total arderon xa unhas 31.000 hectáreas.

Novas críticas á Xunta

A xestión desta vaga de incendios por parte do Goberno de Alfonso Rueda volve ser obxecto de críticas. O sindicato FAC-USO Galiza sumouse esta sexta feira a CIG, CCOO ou Unións Agrarias e puxo o foco nas condicións laborais do persoal das brigadas forestais, con xornadas laborais de "até doce horas diarias", o que supón un incumprimento do convenio.

Aliás, desde o sindicato sinalaron que, en ocasións, "só dous ou tres bombeiros, sen motobombas", teñen que enfrontarse ás chamas. "Por non ter cuberto as baixas e prazas vacantes", lamentaron, e fixeron énfase, alén dos recursos humanos, na "escaseza medios materiais".

A presenza —só nos grandes fogos— de persoal da Unidade Militar de Emerxencias (UME) está a causar, a ollos de FAC-USO, "unha maior desorganización no operativo, pese á existencia dun posto de mando avanzado, cuxa xestión está resultando pésima".

Aliás, a Organización Galega de Comunidades de Montes denunciou que a Xunta eliminou este ano a liña de axudas para previr fogos forestais. O "desleixo" nos montes e a falta de medios, advertiu, provocaron esta situación. E tamén desde a Fruga explicaron que son "múltiples e diversas" as causas dos incendios, alén de "novos factores" como o cambio climático. Nomeadamente, censurou o "abandono do rural" e mais a "aposta no monocultivo de especies de crecemento rápido".

No plano político, a deputada do BNG por Valdeorras e portavoz de Medio Rural, María Albert, reclamou a "implicación" de todas as administracións e a declaración de zona catastrófica para os concellos afectados. O persoal das brigadas, dixo, está a traballar nunha situación "precaria" e "mesmo arriscando as súas vidas", polo que demandou un operativo de prevención e extinción  "totalmente público e profesionalizado, operativo os 365 días do ano".

Tamén a voceira de Medio Rural do PSdeG, Carmen Rodríguez, apuntou que os incendios da última semana evidenciaron a "gran debilidade" do operativo. Neste senso, urxiu a posta en marcha dun "plan de recuperación da actividade agrogandeira e forestal fronte ao despoboamento do rural galego".

O presidente Rueda, alleo ás críticas, asegurou que a Galiza conta, "sen ningunha dúbida", co "mellor servizo de extinción de España", algo que, ao seu xuízo, "volveu demostrarse" estes días. Os fogos, dixo, van "camiño de ser controlados completamente".

A diversidade do monte galego, "na UCI"

A asociación ecoloxista Arco Iris apuntou esta sexta feira que, con base nos cálculos de persoal edafólogo, até 768.000 toneladas de terra vexetal —"no mellor dos casos"— está en risco de erosión.

Na mesma liña, desde Amigos da Terra proporcionaron un "protocolo de actuación" nuns montes que se atopan "na UCI", a fin de "non aumentar o dano". Así, avogan por non labrar o terreo, evitar a entrada de gando ou espallar lascas de madeira e palla de cereais.

Tamén deu a voz de alarma a Asociación Galega de Apicultura (AGA), que dixo que por mor da superficie floral calcinada as colonias de abellas poderían "morrer de fame" ao perderen o alimento.