Sancións por incumprir as medidas no actual estado de alarma

Sancións por incumprir as medidas no actual estado de alarma [Imaxe: Arquivo].

As sancións por incumprir as medidas marcadas polo Goberno español no actual estado de alarma recóllense en catro preceptos legais e van desde unha multa de 100 até os 600.000 ou pena de cárcere.

Todas as persoas que non cumpran as pautas fixadas polo actual estado de alarma, con base ao Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo de 2020, polo que se xestiona a actual situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, poderán ser sancionadas. 

As sancións, aplicábeis pola Garda Civil, Policía Nacional, Policías Autonómicas mais Policías Locais, poden ser leves, as cales van desde unha multa de 100 a 600 euros, ou graves, con multas que poden chegar até 600.000 euros ou un ano de cadea. É así como se recolle nun documento ao que tivo acceso Nós Diario e que, aínda sen ser oficial, marca unhas pautas sobre as sancións.

Sancións aplicábeis

Da lei mordaza, a lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, recóllese que a remoción de valos, encintados ou outros elementos fixos ou móbiles colocados polas Forzas e Corpos de Seguridade para delimitar perímetros de seguridade, aínda con carácter preventivo, cando non constitúa infracción grave, será penalizada cunha sanción catalogada como “leve”, o que supón unha multa de 100 a 600 euros. A esta séguelle a desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións, cando non sexan constitutivas de delito, así como a negativa para identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes ou a alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación, unha sanción considerada como “grave” e que estará penalizada cunha multa que vai desde os 601 até os 30.000 euros.

No que concirne á lei de saúde pública, lei 33/2011, do 4 de outubro, dáse conta das infraccións graves, con multas de 3.001 ata 60.000 euros. Neste contexto, a realización de condutas ou omisións que poidan producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, cando esta non sexa constitutiva de infracción moi grave. Así mesmo, as infraccións consideradas “moi graves” terán multas de 60.001 ata 600.000 euros. Entran aquí a realización de condutas ou omisións que produzan un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación, así como o incumprimento, de forma reiterada, das instrucións recibidas da autoridade competente, ou o incumprimento dun requirimento desta, se este comporta danos graves para a saúde.

Pola súa parte, da lei de protección civil, lei 17/2015, de 9 de xullo, recóllese como infraccións graves, de 30.001 a 600.000 euros, o incumprimento das ordes, prohibicións, instrucións ou requirimentos efectuados polos titulares dos órganos competentes ou os membros dos servizos de intervención e asistencia, así como dos deberes de colaboración aos servizos de vixilancia e protección das empresas públicas ou privadas, cando non supoña un especial perigo ou transcendencia para a seguridade das persoas ou os bens. Nesta mesma lei, mais catalogadas como infraccións moi graves, con multas que van de 1.501 a 30.000 euros, todo o incumprimento das ordes, prohibicións, instrucións ou requirimentos efectuados polos titulares dos órganos competentes ou os membros dos servizos de intervención e asistencia, así como dos deberes de colaboración aos servizos de vixilancia e protección das empresas públicas ou privadas, cando supoña un especial perigo ou transcendencia para a seguridade das persoas ou os bens.

Xa por último, con referencia ao código penal, da lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, no cal se recolle que serán castigados coa pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a dezaoito meses, os que, sen estar comprendidos no artigo 550, resistiren ou desobedeceren gravemente á autoridade ou os seus axentes no exercicio das súas funcións, ou ao persoal de seguridade privada, debidamente identificado, que desenvolva actividades de seguridade privada en cooperación e baixo o mando das Forzas e Corpos de Seguridade.