O Estado autoriza nas comarcas do Eume, A Mariña e Ortegal os aeroxeradores máis altos de toda Europa

Faixa no Casa do Concello de Valdoviño contra o parque eólico Badulaque. (Foto: Nós Diario).

O Goberno do Estado outorgou este sábado autorización para a construción de dous parques eólicos nas comarcas do Eume e Ortegal cunha potencia instalada de 196 megawatts e uns aeroxeradores de 200 metros de altitude.

Os aeroxeradores terrestres de maior altitude de Europa emprazaranse nas comarcas de Eume, Ortegal e A Mariña. Segundo os datos recollidos no proxecto autorizado polo Goberno do Estado a súa altura alcanza 200 metros.

A altitude destes aeroxeradores será semellante a cheminea a central térmica de Meirama (Cerceda), que sumaba 204 metros de altitude e da central térmica de Sabón (Arteixo) que alcanzaba 214 metros.

Os aeroxeadores superan a altitude da cheminea de vapor da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo), na comarca da Mariña, que se sitúa en 145 metros. Ao tempo, é mais alta que a cheminea máis alta da refinaría de Repsol na Coruña, que rexistra 140 metros.

Os dous proxectos eólicos aprobados suman no seu conxunto 196 megawatts de potencia instalada. Ao tempo, os 39 aeroxeadores emprazados nestas dúas instalacións marcan unha altitude de 200 metros e contan cunha potencia unitaria entre 4,5 e 7 megawatts.

Badulaque

Un dos proxectos eólicos autorizados denomínase Badulaque, esta promovido pola empresa pública italiana Enel Green Power e dispón dunha potencia instalada de 90 megawatts.

Badulaque sitúase nos concellos das Somozas, Cedeira, Cerdido, Moeche e Valdoviño, localízasne fora da área delimitada no Plan sectorial eólico e foi rexeitado polos alcaldes socialistas de Cedeira e Valdoviño e pola rexedora nacionalista de Moeche.

O referido parque eólico estaría entre os máis rendíbeis economicamente da Galiza. Segundo un estudo elaborado polo Observatorio Eólico da Galiza (OEGA) en 2023, o prazo de amortización do complexo sería inferior a tres anos, malia tratarse dun investimento de 142 millóns de euros

Barqueiro

O outro proxecto eólico cuxa autorización viña recollida hoxe no Boletín Oficial do Estado denomínase Barqueiro. O mesmo está promovido, tamén, Enel Green Power e suma unha potencia de 126  megawatts.

O parque Barqueiro emprázase nos municipios de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira, na comarca de Ortegal así como aos concellos mariñáns de Viveiro e O Vicedo. O mesmo foi rexeitado por diversos colectivos veciñais e organización políticas como o BNG.

O deputado nacionalista, Xosé Golpe, denunciou a pasada semana os erros do proxecto e reclamou unha nova exposición pública. Na mesma liña, solicitou a retirada do “parque eólico Barqueiro, que xuntamente co parque eólico Badulaque forman un conxunto de explotación da enerxía eólica, altamente lesivo para a poboación e o medio no área de implantación”.