Estafad@s de Compostela denuncian que o Concello lles vetou a entrada a un pleno xa en decembro

Lamentan que a restrición no acceso á casa consistorial se repetise esta quinta feira, 31 de xaneiro, coa "agravante" de que desta volta "un gran valado" impediu o acceso de toda a cidadanía


A plataforma de afectad@s en Compostela pola estafa das participacións preferentes e subordinadas vén de presentar unha denuncia administrativa no Concello por térselle impedido o acceso aos plenos municipais "por orde expresa do alcalde".

Segundo o colectivo cidadán, o executivo municipal que encabeza Ángel Currás (PP) vetou o 27 de decembro a entrada de representantes d@s estafad@s cadrando coa presentación dunha moción respecto das preferentes por parte do grupo municipal do BNG. Quéixanse de que Currás se tivese adiantado xa daquela á aplicación "das medidas antidemocráticas" impostas no Parlamento galego pola presidenta desta institución, Pilar Rojo.

Con todo, a plataforma lamenta que os feitos acontecidos daquela "volvéronse repetir hoxe", en referencia a este 31 de xaneiro, "coa agravante de que neste caso atopáronse cun amplo valado" que restrinxiu a entrada da cidadanía xa desde primeiras horas da tarde.