“Están a acabar co ensino no rural”

Concentración perante o CEIP Arcediago

Os 40 alumnos do CEIP Arcediago non comezaron esta segunda feira o curso escolar. Unha decisión dos pais e nais, que encetan un calendario indefinido de protestas para denunciar o recorte en profesorado neste centro de Santiso. Falamos coa ANPA A Xuntanza.

Esta segunda feira máis de 200.000 alumnos de Infantil e Primaria comezaron en Galiza as aulas dun novo curso, 2016/17. Non estaban entre eses alumnos os 40 escolares do CEIP Acediago, en Santiso, que non asistiron esta segunda feira ao seu colexio. Unha decisión adoptada polos pais e nais para protestar polos recortes en profesorado para o novo curso neste centro educativo. “Eles non foron a clases e nós concentrámonos ás portas do colexio ”, explica Pilar, presidenta da ANPA A Xuntanza, que sostén que esta decisión vai manterse “ata que non nos dean unha solución”. Os nenos, pois, seguirán sen ir a clase e os pais concentraranse todos os días diante do CEIP ás 9:15, hora de entrada nas aulas.

Hai un mestre para Primeiro, segundo e terceiro de Primaria. E outro para cuarto, quinto e sexto.

Por que se chegan a esta situación? Pilar explica que ao finalizar o curso pasado, 2015/2016, notificáronlles que lles ían retirar un mestre. O que ten como consecuencia que no novo curso vai haber un só docente para os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria (15 escolares) e outro único mestre para os de 4º, 5º e 6º (14 alumnos e 2 con necesidades específicas). “Poucos profesores para atener alumnos de cursos distintos”, din desde a ANPA, que demandan que se manteña un terceiro mestre. “Así habería a 1º e 2º, outro a 3º e 4º e outro a 5º e 6º”, explican.

Agrupación hai dous anos e promesas incumpridas

Pilar sinala que no 2014 procedeuse á agrupación dos 2 colexios que había en Santiso, desaparecendo o de Visantoña e concentrándose os alumnos no de Arcediago. “Aceptamos, mais co compromiso de que se aumentase o cadro de persoal”. E ese compromiso, denuncian, truncouse agora, coa redución de docentes e perxuízo na calidade educativa. Unha decisión da Xunta que non están dispostos a pasar por alto. Fixeron un calendario de mobilizacións e non pensan recuar. “Temos o apoio de todos os grupos municipais, independentemente das ideoloxías”, engade. Na concentración desta segunda feira tomaron parte veciños que non teñen fillos ou netos no CEIP, “porque están de acordo co demandamos, é algo que apoian todos os veciños”.

Para Pilar este tipo de decisións son exemplo de que “están acabando co ensino no rural”, unha afirmación que xa lle trasladou aos representantes da Xunta no transcurso dunha xuntanza. “O que pretenden co rural, no ensino e no resto dos ámbitos, é deixalo de lado, así lles dixen. Non lles gustou”.