"Estase a promover un monte cada vez máis combustíbel”: a FEG critica a suspensión do Consello Forestal Galego

Reunión do Consello Forestal nunha imaxe de arquivo (Foto: Xunta da Galiza)
A Federación Ecoloxista Galega di que, "sen xustificación real", a Consellaría do Medio Rural aprazou sen data a reunión do Consello Forestal Galego no que se ía a presentar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (Pladiga) para o 2024

A Consellería do Medio Rural aprazou sen nova data a reunión do Consello Forestal Galego prevista para a sexta feira, 26 de abril, no que se ía a presentar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (Pladiga) para o 2024. A día de hoxe aínda non hai nova data para esa reunión. Así o sinala a Federación Ecoloxista Galega (FEG) a través dun comunicado

“Hai tempo que a Administración vén amosando o seu desprezo polos actores do sector no ámbito forestal”, afirma a Federación Ecoloxista Galega . “Até o de agora presentaba cada ano o Pladiga nunha reunión do Consello Forestal Galego (CFG) na que puña en escena unha “performance” para simular unha participación na realidade baleirada de todo sentido dada a escasa anticipación coa que se remite a documentación e a ausencia de interese en opinións ou proposicións de terceiros e da sociedade civil, reducíndose o acto ao eloxio do Plan presentado”.

Aínda que o Pladiga 2024 non foi enviado aos membros do Consello Forestal Galego, afirman, coñécense polos medios algúns detalles do mesmo “e temos xa como referencia o historial e tradición de eivas, carencias e descoordinación (causas das queixas razoábeis dos traballadores dos servizos de extinción) e dunha falla dunha orientación da política forestal cara a loita contra o lume”.

“O novo Plan semella no fondo unha copia dos anteriores”, indica esta plataforma ambientalista. “A consecuencia que podemos tirar disto é que os incendios que se produzan no que queda de ano serán tamén como os que se teñen producido en anos anteriores, dependendo fundamentalmente das variábeis que habitualmente os controlan, fundamentalmente meteorolóxicas”.

“A pesar de termos entrado xa na era dos megaincendios, determinados polos efectos do cambio climático, onde os medios técnicos e tecnolóxicos non parecen poder evitar o avance dos grandes lumes, a Administración forestal galega non parece decidirse a afrontar esta realidade e segue a dedicar millóns de euros públicos para facer fronte aos efectos do incremento da combustibilidade no monte que ela mesmo promove coa expansión de cultivos de especies pirófitas”.

Así, continúa incidindo o comunicado, “a pesar de que o Plan Forestal Galego renovado propoñía unha redución da superficie ocupada polo eucalipto, favorécese a expansión de novos demandantes de madeira destas árbores como The Navigator Company que está a alugar e comprar terreos por Lugo, A Coruña e Pontevedra e preténdese subvencionar a fábrica de pasta e fibra de Altri. O PFG programaba un aumento da superficie, no caso do piñeiro de máis doe 30%. Estase a promover un monte cada vez máis combusíbel”.

Os negocios asociados a estas plantacións “benefícianse así do diñeiro de todas e todos que a Xunta gasta na loita contra os incendios e non parecen amosar preocupación polos danos que provocan as súas actividades ao facer dos montes galegos un factor de risco, favorecendo a acción de lumes que poñen en perigo a vida de persoas, o futuro as comunidades, aceleran a perda de solos, cada vez máis degradados, de recursos e de biodiversidade que están a avanzar e a agravarse co quecemento do noso clima”.