Esténdese a alerta por escaseza de auga a Pontevedra e Camariñas

Encoro de Santa Uxía, explotado por Xeal, no río Xallas.
Unha vez avaliados os datos, a Oficina Técnica da Seca tamén acordou manter a situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

O xerente de Augas da Galiza, Gonzalo Mosqueira, informou da activación da prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas.

Mosqueira explicou algunhas das decisións tomadas esta cuarta feira pola Oficina da seca tras a súa reunión, na cal se analizou a situación das concas da demarcación hidrográfica Galiza-Costa.

Así, constatouse, segundo explicaron, que tras un mes de xullo con escasas chuvias, rexistráronse precipitacións a sexta feira e o sábado, pero o tempo seco volve predominar esta semana e prevese que continúe nas próximas semanas.

Unha vez avaliados os datos, a Oficina Técnica da Seca tamén acordou manter a situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

Tamén continúa activa a situación de seca prolongada nos sistemas das concas que van desde o río Mero a Ferrol e desde o río Mera á ría de Ribadeo.

Ademais, proseguirá a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona, desde o que se abastece o concello de Baiona.

Implicacións

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galiza-Costa, así como das posíbeis incidencias que se detecten.

A situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia galega presenta niveis de normalidade, xa que a ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galiza-Costa é de 75,05%, 2,05 puntos por encima da ocupación do mesmo período para o ano 2022.

A Xunta tamén reiterou a súa petición de colaboración aos concellos para que tomen as medidas que consideren oportunas, dentro do seu ámbito competencial, e levar a cabo un labor de concienciación cidadá e un control apropiado dos usos da auga que se realicen no municipio.