Estes son os concellos galegos que adiantarán as súas badaladas de Fin de Ano

'Prebadaladas' en Vilagarcía de Arousa o ano pasado (Foto: César Arxina / Europa Press).
O concello de Vilagarcía de Arousa foi o primeiro en instaurar esta peculiar 'tradición'.

A moda de adiantar as badaladas de Fin de Ano veu para ficar e é que, entre a multitude de actividades que lanzan os Concellos galegos para estas datas, cada vez son máis os que se suman a esta iniciativa. Así, ás xa tradicionais ‘prebadaladas’ do mediodía de Vilagarcía de Arousa, o día 31, súmanse outros municipios como son o de Sanxenxo (O Salnés) e o de Vilaboa (Pontevedra). Mentres, na cidade de Pontevedra as badaladas soarán ás 14,00 horas no Mercado de Abastos.

Na Pobra de San Xiao, no municipio de Láncara (Sarria), os comerciantes convocan a unha cita na tarde de mañá na praza da Alegría. As badaladas tamén se adiantarán na Pastoriza (Terra Chá), ás 00,00 horas do día 30. Na Pobra de Trives (Comarca de Trives) a cita tamén se sae do común e será o día 30 a partir das 19.30 horas e tamén o mesmo día, en San Xoán de Río (Trives) a veciñanza poderá comer as uvas ás 12 horas. 

Xa o día 31, Meira (Comarca homónima) terá as badaladas ás 12 horas e en Gontá, no municipio de Palas de Rei (A Ulloa), ás 17 horas.

Pola súa parte, no municipio de Ames (Compostela) tomarán as uvas ás 11 horas do último día do ano e unha hora máis tarde, ás 12 horas, será a quenda dos veciños da Pobra do Caramiñal (O Barbanza).

Na Pena dos Catro Cabaleiros, veciñanza de Samos, Folgoso do Courel, O Incio e A Pobra do Brollón tamén adiantará as 12 badaladas.