Estes son os concellos galegos onde mais subiu o prezo do aluguer no mes de xullo

Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O prezo do aluguer sobe un 11,9% en xullo respecto ao mesmo mes de 2023, mentres que o prezo mensual do metro cadrado sitúase xa en 9,58 euros.

O prezo da vivenda en aluguer na Galiza subiu un 11,9% en xullo respecto ao mesmo mes do ano 2023, aínda que rexistrou un lixeiro descenso, dun 0,3%, na súa variación mensual. Estes son algúns dos datos que se desprenden do Índice Inmobiliario Fotocasa. O informe tamén apunta que, con estes datos, o prezo sitúase no 9,58 euro/m2 ao mes en xullo.

"O prezo do aluguer segue en niveis máximos de modo xeneralizado. De feito, 15 das 17 comunidades autónomas alcanzan récord no prezo do arrendamento. Ademais, por primeira vez na historia, o prezo do alugueiro xa excede a barreira tácita dos 1.000 euros mensuais de media", explica a directora de Estudos e portavoz de Fotocasa, María Matos.

Sinala que, tras dous anos consecutivos de incrementos "moi significativos" e despois de presentar a aceleración "máis brusca da historia", "o prezo do aluguer está máis alto ca nunca".

Matos argumenta que a razón principal é a contracción da oferta dispoñíbel, unida á "intensa" demanda que aumenta debido a que nestes momentos o aluguer é "a principal vía de solución habitacional para acceder á vivenda no Estado español".

Así, Galiza pasou dunha variación interanual do 8,4% de xullo de 2023 ao 11,9% detectado no mesmo período de 2024. Nos últimos 12 meses analizados o prezo da vivenda pasou dos 8,56 euros/m2 ao mes de xullo de 2023 aos 9,58 euros/m2 ao mes de xullo de 2024.

A nivel estatal, as comunidades autónomas con maiores incrementos interanuais (por riba do 10%) son: Asturias (17,9%), Madrid (15,6%), Castela-A Mancha (14,8%), Galiza (11,9%), Rexión de Murcia (10,3%) e Euskadi (10,0%).

Por concellos

O estudo tamén achega datos por municipios e sinala que Vilagarcía de Arousa (O Salnés) é o que máis incrementos acumula en xullo cun 30,8%. Séguenlle as cidades con incrementos superiores ao 10% nun ano como A Coruña (15,2%), Vigo (11,8%), Ferrol (11,5%), Pontevedra (10,3%), Ourense (9,8%), Lugo (7,1%) e Santiago de Compostela (6,5%).

En canto ao prezo por metro cadrado en xullo, seis dos 11 municipios exceden os 10,00 euro/m2 ao mes e son: Sanxenxo (O Salnés) con 18,06 euro/m2 ao mes, A Coruña capital con 11,52 euro/m2 ao mes, Oleiros (comarca da Coruña) con 11,33 euro/m2 ao mes, Ribeira (O Barbanza) con 11,08 euro/m2 ao mes, Vigo con 10,59 euro/m2 ao mes e Santiago de Compostela con 10,01 euro/m2 ao mes. Doutra banda, as dúas cidades máis económicas para alugar unha vivenda son Lugo con 7,11 euro/m2 ao mes e Ourense con 7,15 euro/m2 ao mes.