Estes son os tres permisos por coidados aprobados esta terza feira polo Goberno estatal

Aprobouse un permiso parental de 8 semanas, que poderá utilizarse de forma continua ou descontinua, a tempo completo ou parcial, até que o ou a menor faga 8 anos (Foto: Nós Diario).

Tamén se amplían os beneficiarios da adaptación da xornada aos traballadores e ás traballadoras con dependentes a cargo

O Consello de Ministros e de Ministras aprobou esta terza feira até tres permisos por coidado de familiares e crianzas que se incluían na Lei de Familias impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais, e cuxa tramitación no Congreso español decaeu coa convocatoria de eleccións.

Un dos permisos aprobado polo Executivo estatal consiste en cinco días ao ano, retribuídos, para utilizar en caso de accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que necesite repouso, tanto dun familiar de até segundo grao, como dun convivinte.

O segundo é un permiso "por causa de forza maior", que se distribuirá por horas e poderá alcanzar en total até 4 días ao ano para cada traballador ou traballadora. Tamén estará retribuído e busca permitir a pais e nais ausentarse do traballo cando haxa motivos familiares urxentes.

Esta medida permitiría, por exemplo, que o traballador ou traballadora poida coller unhas horas se a súa crianza "pasou unha mala noite" e "necesita quedar na casa con el" ou se os seus pais "enferman e ten que acompañarlles ao médico", segundo explicou a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, a través dun vídeo publicado nas súas redes sociais.

8 semanas até os 8 anos

Do mesmo xeito, aprobouse un permiso parental de 8 semanas, que poderá utilizarse de forma continua ou descontinua, a tempo completo ou parcial, até que o ou a menor faga 8 anos. Neste caso, segundo apuntou Belarra, o permiso servirá para os "duros procesos de adaptación" dos fillos e das fillas máis pequenas en setembro na volta ao colexio, ou nos meses de verán no caso de pais e nais que "non teñan onde deixar as súas crianzas".

Fontes do departamento que dirixe Ione Belarra explicaron que se decidiu aprobar estas medidas a través dun decreto, a pedimento do Ministerio, xa que forman parte da transposición dunha directiva europea sobre este tema que ten un prazo para ser aprobada.

E, aproveitando esta conxuntura, o decreto inclúe outra proposta do equipo de Belarra, que tamén se incluía na Lei de Familias, polo que as parellas de feito teñen dereito aos 15 días de permiso por rexistro, igual que os matrimonios.

Adaptacións da xornada laboral

Desde o Ministerio de Traballo, que lidera a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz, informaron, pola súa banda, de que este decreto inclúe tamén unha ampliación da adaptación da xornada das persoas con dependentes a cargo para aquelas persoas que acrediten deberes de coidado respecto dos fillos maiores de 12 anos, o cónxuxe ou parella de feito, familiares por consanguinidade ata o segundo grao do traballador, así como doutras persoas dependentes cando, estas últimas, convivan no mesmo domicilio, e que non poidan valerse por si mesmas.

Do mesmo xeito, aprobouse unha ampliación do dereito á redución de xornada para o coidado de crianzas ou persoas a cargo con discapacidade que sexan menores de 26 anos e que teñan cancro ou outra enfermidade grave, cando o grao de discapacidade supere o 65%, sempre que esta condición acredítese antes de cumprir os 23 anos.