Estudan o impacto do morcego común no control do mosquito tigre no Morrazo

Esta cuarta feira instalaron en Tirán, en Moaña (O Morrazo), os primeiros refuxios para morcegos. (Foto: Nós Diario)
Malia que os beneficios dos morcegos como controladores de pragas está máis que acreditada, non hai constancia da súa eficacia contra o mosquito tigre. A veciñanza de Moaña impulsou un estudo para avanzar resultados e arroupar outras iniciativas de loita integrada contra esta especie invasora.

A veciñanza de Moaña vén de pór en marcha en colaboración coa asociación Morcegos de Galiza un estudo para coñecer as características da poboación de morcegos que habitan no municipio e instalar unhas caixas refuxio que lles permitan a estes animais acomodarse e contribuír ao control da poboación de mosquito tigre de forma natural.

"Foron os veciños e veciñas de Moaña quen se puxeron en contacto connosco e son eles quen financian o estudo e tamén a montaxe dos refuxios, que xa remataron, á espera de coñecer onde colocalos", explica a Nós Diario Zeltia López Gallego, bióloga de Morcegos de Galiza.

Quen facilitou o contacto entre a veciñanza e a entidade ambientalista foron dous ciclos de charlas que se impartiron en Moaña sobre o impacto das eólicas e do mosquito tigre no Morrazo. "Morcegos de Galiza participou nos dous e aí foi onde xurdiu o interese, nomeadamente da veciñanza da parroquia de Tirán", desde onde se reportou por primeira vez a presenza dun mosquito tigre na Galiza no verán de 2023, lembra a bióloga.

Juan Alonso, membro da asociación de veciños de Tirán, foi dos primeiros en tomar a iniciativa e buscar a complicidade da veciñanza das outras catro parroquias e das comunidades de montes de Domaio, Meira e Moaña. "Foi todo un exemplo de colaboración veciñal". Cando acudiron a Morcegos de Galiza xa escoitaran falar dos beneficios dos morcegos como controladores de pragas, o que os animou a explorar unha vía de cooperación máis estreita.

Refuxios para morcegos confeccionados pola veciñanza de Moaña, de dobre e tripla cámara. (Foto: Nós Diario).

Refuxios

"O primeiro foi preguntar polas caixas, polos deseños máis efectivos e os lugares indicados para colocalas", di. Unha vez resoltas esas dúbidas foi a asociación quen propuxo realizar un estudo para saber as especies que habitan en cada zona e procurar unha localización eficaz dos refuxios. "Na Galiza hai 25 especies e non todas van comer os mosquitos tigre nin todas van ocupar unha caixa", afirma a bióloga. De feito, aclara, "non se sabe aínda se consomen esta especie concreta de mosquito (Aedes albopictus). Sábese que comen outros mosquitos, avelaíñas, arañas e escaravellos, polo que imos probar a ver se os morcegos ocupan as caixas, e unha vez as ocupen, como estarán máis perto da fonte de alimento, intentar que teñan algún efecto sobre a praga".

O Morrazo, apunta Zeltia López Gallego, é unha comarca "cunha gran variedade de morcegos" que están a piques de describir con máis detalle. O estudo acústico finalizou e só falta identificar as especies gravadas para escoller os puntos estratéxicos para colocar os refuxios: en lugares accesíbeis para o persoal técnico pero que non molesten a ninguén, orientados cara ao sueste, a máis de 2,5 metros de altura e cómodos para que os morcegos poidan entrar e saír. A boa noticia, di a bióloga, é que a especie que potencialmente pode comer o mosquito tigre é a máis común (Pipistrellus pipistrellus) que ademais usa moi ben as caixas, feitas de madeira e tratadas con aceite de liñaza, sen químicos: "Fixemos 30, en total, para colocar seis por parroquia en tres localizacións distintas", explica Alonso, que esta quinta feira acudiu á colocación da primeia caixa en Tirán.

Proliferación do mosquito

Desde o Concello apoian a iniciativa veciñal na medida en que contribúe á súa estratexia de loita integral e sostíbel contra o mosquito tigre. A alcaldesa Leticia Santos destaca a iniciativa do Goberno local para concienciar a poboación sobre a importancia de desbotar calquera resto de auga estancada e de renovar a que sexa imprescindíbel nas casas e hortas. "Nós actuamos en parques, xardíns e cemiterios municipais, onde pedimos que non deixen as flores con auga sen substituír máis de 3 ou 4 días, porque é a que lles gusta para pór os ovos e procrear". 

Ademais, en colaboración coa UVigo, dispoñen de varias trampas "a efectos de recollida de datos para a toma de decisións máis efectivas". A día de hoxe todas as parroquias reportan a presenza do mosquito tigre, "que non está a causar graves problemas de saúde", destac a rexedora.