As crianzas celebran o centenario das Escolas de Insiño Galego

Inés Rei e Santiago Quiroga, á dereita, mentres o alumnado da Semente descobre a placa (Foto: Concello da Coruña).
Unha placa sinaliza o antigo local situado na Coruña.

O 23 de abril de 1924 abría as súas portas na Coruña a Escola de Insiño Galego das Irmandades da Fala (ensino popular e gratuíto en galego). Este centro educativo contou co maxisterio do editor Ánxel Casal e o docente Manuel Luís Acuña. Cen anos despois, o local na Praza de María Pita acolleu un acto de homenaxe coa instalación dunha placa conmemorativa na que foi primeira sede do centro educativo das Irmandades. A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, foi a encargada de presidir o acto e descubrir a placa. O coordinador nacional das Escolas de Ensino Galego Semente, Santiago Quiroga, explicou que “é unha semente herdeira dos valores educativos das Irmandades da Fala” e destacou o obxectivo común da “construción dunha Escola Nacional Galega”. Quiroga dixo que “A Coruña foi hai cen anos e continúa a ser hoxe unha cidade galeguista, progresista e dinámica socialmente”. Puxo énfase na importancia deste proxecto para que as futuras xeracións “poidan descubrir o mundo sen ter que renunciar á nosa lingua e á nosa identidade, desenvolvendo un modelo multilingüe, inclusivo e intercultural, cuxo centro de gravidade é o galego”.

Desde as Escolas Semente, Quiroga lembrou a promoción dun “currículo autocentrado, recoñecendo o conxunto de saberes que fomos construíndo ao longo da nosa historia como pobo”. O coordinador dixo que “tanto o proxecto das Irmandades “como o noso son laicos, é importante respectar a integridade moral das crianzas e fomentar o seu pensamento crítico”. 

“É un día de luz e triunfo da palabra, a cultura e a educación en galego”, dixo no acto o músico Xurxo Souto. “O galego que estaba ausente do ensino historicamente entrou nel grazas a estas escolas, e aconteceu na Coruña”. Lembrou a “represión terríbel” que padeceron os primeiros mestres destas escolas  e subliñou os seus lazos veciñais con Elvira Varela, filla dunha das mestras das escola das Irmandades (Elvira Bao), “é a nosa historia, contoume como despois do golpe militar tiveron que esconderse en Labañou cheas de medo até que crearon unha pequena escola para os menos e as nenas do barrio”. Souto puxo de relevo que “esta historia non é pasado, estamos falando dos nosos veciños e veciñas”.

Pola súa parte, o catedrático de Historia da Educación Antón Costa Rico denunciou “o silencio imposto ás nosas palabras no presente da nosa sociedade”, un silencio que, segundo dixo, vén “imposto, con frecuencia, da man dunha calculada e mostrenca indiferenza, politicamente amparada, que  urxe corrixir con tino, saber facer e confianza e con programas operativos”. Costa marcou “o horizonte da absolutamente desexábel educación pública e de todos e todas, do que as Escolas Sementes son parte do lévedo 
que precisamos”. 

“Desde o Goberno municipal seguiremos a promover o galego como símbolo de riqueza de todos os coruñeses e coruñesas, mais tamén de todos os galegos e as galegas e só así manteremos vivo ese lume que prendeu hai cen anos neste número 17 grazas á Escola de Ensino Galego”, dixo a alcaldesa Inés Rei.

No acto tomaron parte ademais os Quinquilláns e Cantigas da Terra, e os 120 nenos e nenas das Escolas Semente participaron en paseos didácticos. Tamén celebraron este centenario pondo dispoñíbel a web escolairmandinha.semente.gal, e o lanzando o documentario Aprender na língua própria, das Escolas de Ensino Galego à Semente, financiado pola Deputación da Coruña e a base social de Semente.