Estudantes por Palestina entran na Casa da Balconada e impiden a entrada do xerente, denuncia a USC

Acción de protesta de estudantes da USC por Palestina na Casa da Balconada, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
O reitor anunciou que, a partir desta quinta feira, este edificio e mais a Casa da Balconada permanecerán fechados ao público.

Un grupo de estudantes integradas na Asemblea pro-Palestina da USC accedeu na mañá desta cuarta feira á Casa da Balconada, que acolle numerosos servizos administrativos da universidade compostelá, para iniciar unha nova acción de protesta. As manifestantes colocaron paneis informativos coas súas reclamacións para a institución académica.

"É aquí, no lugar escollido para esta acción, na xerencia da USC, onde se atopa o centro financeiro da universidade. A través dos contratos que aquí se asinan con empresas que violan os dereitos do pobo palestino —como HP, Siemens, Amazon ou o Banco Santander—, dita institución está a financiar tanto o xenocidio como as políticas de ocupación e apartheid sobre o pobo palestino", criticaron, nun comunicado remitido aos medios no que demandaron a anulación de todos estes convenios con empresas.

Na entrada do edificio colocaron un posto de comida de balde "por Palestina" no que ofrecen galletas e froita e desde onde repartiron folletos informativos. "O noso obxectivo, lonxe de ser acadado na ocupación da Reitoría a pasada semana e ante a inacción dos órganos 'democráticos' da USC, segue a ser o mesmo, deter a vergoñenta colaboración da universidade co xenocidio perpetrado por Israel", precisaron.

Algunhas destas persoas, denunciou a USC, impediron o acceso do xerente, Xabier Ferreira, ao seu despacho, e ocuparon outros de diferentes traballadores e traballadoras. Os estudantes, porén, defenden que se trata dunha "xornada de portas abertas" e que non obstaculizaron a entrada á Xerencia.

"Á vista da situación e co fin de garantir o funcionamento ordinario dos nosos servizos administrativos, desde mañá [quinta feira, 20 de xuño] os edificios de San Xerome e da Casa da Balconada estarán fechados ao público. O acceso de traballadores e traballadoras que presten servizos neses edificios deberá realizarse coa tarxeta de identificación universitaria nas portas habilitadas para estes efectos", sinalou o reitor, Antonio López, nunha carta difundida a toda a comunidade universitaria.

Manifesto por Gaza

A pasada semana o Consello de Goberno da USC acordou apoiar o manifesto do equipo de goberno en relación á situación en territorio palestino e reafirma así a postura da USC, recollida na declaración institucional aprobada polo Claustro a finais do pasado ano 2023. O Consello adoptou esta decisión co consenso dos distintos colectivos universitarios que o compoñen e logo de escoitar distintas propostas, entre elas a da Asemblea por Palestina.

Por práctica unanimidade, o órgano colexiado decidiu tamén constituír esta mesma terza unha comisión de traballo para o desenvolvemento das accións contempladas na postura institucional da USC en relación a este tema e recollidas no mencionado manifesto. Neste senso, a USC insta o Estado de Israel a deter o xenocidio practicado contra o pobo palestino e declarar un alto o fogo inmediato e permanente, ademais de denunciar a destrución das universidades e institucións educativas palestinas na Faixa de Gaza e os ataques de calquera tipo contra as comunidades universitarias.

Na mesma liña, comprométese a intensificar as relacións de colaboración coas universidades palestinas, a non manter ningún tipo de relación científica ou académica nin tampouco económica con universidades e institucións israelís que non asuman explicitamente os compromisos acordados na USC.