Jesús L. Romalde: "O estudo de augas residuais pode axudar a detectar a aparición dun novo brote"

Jesús L. Romalde, catedrático da USC.
Pouco resistente pero moi eficiente. Así describe o catedrático de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Jesús López Romalde, o novo coronavirus. En conversa con Nós Diario, repasa algunhas das evidencias científicas  que marcan o presente e o futuro da pandemia da COVID-19.

—Desde cando se coñece a familia dos coronavirus e que se sabe do SARS-CoV-2?

A familia dos coronavirus coñécese desde hai anos. De feito, en 2002, tivemos unha epidemia provocada polo SARS-CoV, que foi o causante da síndrome respiratoria aguda no sueste de Asia (SARS). En 2012 presentouse a MERS, responsábel doutra epidemia, a da síndrome respiratoria no Oriente Medio. Son virus de orixe zoonótica, que en determinadas circunstancias pasaron ao ser humano causándolles a enfermidade. 

O SARS-CoV-2, tamén. Todas as evidencias científicas indican que se trata dun virus de orixe animal. A partir do estudo e comparación da secuencia do xenoma do virus, sabemos, ademais, que o virus humano máis parecido ao novo coronavirus é o SARS-CoV, mais tamén se detectou un coronavirus de morcego bastante similar, menos parecido pero moi semellante. Falta saber como se deu o salto entre especies. Normalmente non se produce de forma directa desde o hóspede primario ao ser humano, senón mediante unha especie intermedia na que o virus sofre os cambios que necesita para infectar o ser humano. Díxose que puideron ser os pangolíns, pero está por confirmar.

—Que certezas hai sobre o comportamento do novo coronavirus?

Todos os datos parecen indicar que goza dunha transmisibilidade elevadísima, o que indica, ademais, unha boa adaptación ao seu novo hóspede. Esta alta capacidade de contaxio ten que ver, tamén, coa baixa estabilidade no ambiente do virus. O SARS-CoV-2 é un virus envolto. Ten unha cobertura lipídica, procedente da membrana da célula humana que infecta, que o fai máis sensíbel aos factores ambientais, de aí que o lavado de mans con auga e xabón ou os produtos de limpeza doméstica sexan tan eficaces. Hai estudos de supervivencia do novo coronavirus, en diferentes superficies como o plástico ou o cartón, que indican que pode chegar a permanecer activo até 72 horas. Trataríase da supervivencia máxima, mais tamén é importante destacar a vida media do virus no ambiente, que non pasa das seis horas. Nese tempo a inefectividade do virus redúcese á metade. 

"Todas as evidencias científicas indican que se trata dun virus de orixe animal".

—Fala dun virus pouco resistente, pero eficiente e intelixente.

A calquera patóxeno o que lle interesa é ter unha capacidade infecciosa moi elevada e que o hóspede que parasita non morra moi axiña para garantir a súa transmisibilidade. É o que está conseguindo o SARS-CoV-2 a diferenza dos coronavirus precedentes. Todos os datos de mortalidade son tráxicos, con todo, as cifras que se están rexistrando sinalan unha taxa inferior á que provocaron tanto a SARS como a MERS, con taxas de letalidade moi altas. Mataban tan rápido os seus hóspedes que non tiñan tempo de propagarse. Esta eficiencia propia do novo coronavirus, sumada á gran proporción de pacientes asintomáticos, facilita a dispersión do virus e concentra a taxa de mortalidade máis alta en pacientes con patoloxía previas.

—Como se prevé a evolución do virus nos próximos meses?

É de esperar que, co cambio estacional, a variación das condicións de temperatura, humidade e, sobre todo, radiación ultravioleta faga diminuír a incidencia do virus, xa que non é moi forte ante estes factores ambientais. É probábel que no outono e na seguinte temporada invernal se poidan producir novos ascensos. A incidencia que poida ter entón o novo coronavirus vai depender da porcentaxe de persoas inmunizada, por iso son tan importantes os estudos seroepidemiolóxicos que se están empezando a facer para determinar que proporción da poboación estivo en contacto co virus e que porcentaxe xerou anticorpos para defenderse del. Esta información vainos dar moitas pistas sobre a severidade dos brotes que se poidan dar no futuro e sobre a mellor forma de prepararse para contelos.

"Aos patóxenos interésalles ter unha capacidade infecciosa moi elevada e que o hóspede que parasitan non morra para garantir a súa transmisibilidade".

—Neste sentido tamén é partidario de facer estudos epidemiolóxicos a partir das augas residuais.

O meu equipo, ao igual que outros moitos no resto do mundo, trata de determinar os niveis de novo coronavirus presentes nas augas residuais co fin de ofrecer unha mellor estimación do estentido que está e da poboación que entrou en contacto con el. Ademais, estes estudos deixan medir os niveis basais de SARS-CoV-2 cando o virus non ten incidencia entre a poboación, o que nos permitiría dar a voz de alarma ante a aparición dun novo brote. Se eses niveis aumentaran significaría que o virus volve circular nunha determinada área, aínda que a poboación se amose asintomática. Así, poderían acordarse medidas de contención antes de que siga avanzando.

O medio ambiente, argumento clave

Jesús L. Romalde desbota a posibilidade da produción artificial do novo coronavirus. Dunha banda, confírmano as análises das secuencias xenómicas. Doutra, sinala o escaso coidado da contorna natural, un abandono que tamén axuda a explicar a aparición de novas doenzas como a COVID-19.

"O ser humano leva moito tempo invadindo ambientes naturais. O contacto con animais salvaxes fai máis probábel a transmisión de virus e enfermidades".

"O ser humano leva moito tempo invadindo ambientes naturais e entrando en contacto estreito con animais salvaxes que antes permanecían afastados. Este achegamento fai máis probábel a transmisión de virus e enfermidades entre especies". O microbiólogo asegura que a ameaza dunha pandemia como a que estamos vivindo conta desde hai tempo con avisos e evidencias científicas suficientes, que haberá que seguir considerando no futuro. 

Sobre a chegada do virus a Galiza, asegura que son precisos máis estudos, pero todo apunta a que foi anterior ao 4 de marzo, data do primeiro positivo.