Un estudo da USC desvela que a fisiopatoloxía da obesidade presenta diferenzas por sexo

O estudo da USC desvela que a fisiopatoloxía da obesidade presenta diferenzas segundo o sexo (Foto: Vithas).
Esta investigación, publicada na revista Cell Reports, pon de manifesto que a redución do xene BMAL1, un dos xenes do reloxo molecular que intervén na xeración dos ritmos circadianos, resulta nos astrocitos femininos nun balance enerxético negativo e altera os ciclos metabólicos básicos sen afectar a actividade locomotora circadiana.

Un estudo realizado polos grupos do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) 'Gliatime' e 'NeurObesity', dirixidos por Olga Barca e Miguel López, respectivamente, descubriu que o mantemento do equilibrio enerxético é diferente en ratos macho e femia e que son os astrocitos, un tipo de células cerebrais, os responsábeis destas diferenzas.

Esta investigación, publicada na revista Cell Reports, pon de manifesto que a redución do xene BMAL1, un dos xenes do reloxo molecular que intervén na xeración dos ritmos circadianos, resulta nos astrocitos femininos nun balance enerxético negativo e altera os ciclos metabólicos básicos sen afectar a actividade locomotora circadiana.

Estas células inflúen na taxa metabólica, a eliminación de graxa no tecido adiposo branco e hepático e na actividade do tecido adiposo pardo.

"É importante destacar que estas alteracións son específicas dos astrocitos no hipotálamo", aclarou a coordinadora do grupo, Olga Barca, quen continúa explicando que "curiosamente, os ratos femia con redución de BMAL1 nestes astrocitos mostran un fenotipo metabólico similar ao masculino cando se alimentan cunha dieta alta en graxas".

Os resultados desta investigación proporcionan información valiosa sobre o desenvolvemento de novos tratamentos específicos en función do sexo para enfermidades relacionadas cos chamados 'reloxos celulares', a homeostasis enerxética e o metabolismo periférico, apunta a USC.

O artigo, destacan os seus responsábeis, "lanza luz sobre os complexos mecanismos que regulan a homeostasis enerxética e como estes poden variar segundo o sexo".

"Poder comprender as diferenzas sexuais nestes mecanismos circadianos é crucial para entender as distintas respostas á interrupción circadiana e outros dimorfismos asociados á diferenza de sexo", conclúe a investigadora.