Saúde

Un estudo con participación galega achega novas evidencias sobre a relación do tabaco co cancro

tabaco (Foto: Nós Diario)
A investigación xorde como iniciativa do Consorcio Internacional de Cancro de Pulmón ao que pertencen os investigadores da USC e foi liderada por un equipo canadense. No estudo, participaron máis de 42.000 pacientes de todo o mundo.

Unha investigación na cal participaron dous membros do profesorado da área de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, logrou demostrar que aqueles doentes que deixan de fumar antes do diagnóstico de cancro de pulmón alcanzan unha maior supervivencia desta enfermidade.

Segundo o equipo investigador, “a supervivencia aumenta tamén mesmo naqueles pacientes que deixasen de fumar de un a tres anos antes do diagnóstico da propia enfermidade”. O artigo acaba de ver a luz na prestixiosa revista Lancet Public Health.

A investigación xorde como iniciativa do Consorcio Internacional de Cancro de Pulmón ao que pertencen os investigadores da USC e foi liderada por un equipo canadense. No estudo, participaron máis de 42.000 pacientes de todo o mundo.

“Estes resultados teñen implicacións importantes no eido da saúde pública, xa que mentres que xa se sabía que o risco de cancro de pulmón diminuía co tempo que as persoas levasen sen fumar, case non existía evidencia sobre o efecto que isto tiña na supervivencia dunha doenza cunha elevada letalidade, polo que é importante reforzar o consello antitabaco nas consultas dos especialistas”, sinalan os profesores da USC.

Mensaxes de saúde pública

“A asociación entre a duración da abstinencia de fumar antes do diagnóstico de cancro de pulmón de células non pequenas e a supervivencia posterior pode influír nas mensaxes de saúde pública transmitidas na detección do cancro de pulmón”, acrecentan desde o equipo investigador da universidade da capital galega.