ETA declárase “organización desarmada”

Nun comunicado remitido á BBC  e medios vascos comunica que o seu arsenal está xa “en mans da sociedade civil” e advirte sobre os obstáculos que ao proceso de desarmamento poñen os estados español e francés.

ETA informou a través dun comunicado que xa é unha “organización desarmada” e que o seu arsenal está agora “en mans da sociedade civil”. ETA explica que “tomamos as armas polo pobo vasco e agora deixámolas nas súas mans” e pon en valor o compromiso da sociedade civil, que deu o paso “de asumir a responsabilidade técnica e política do desarmamento”.

A organización engade que o camiño “foi duro e difícil” por mor, afirma, dos “obstáculos” que puxeron os estados español e francés; aos que acusa de manterse na vía policial e de apostar nun relato de “vencedores e vencidos”.

A única garantía para continuar avanzando con éxito no proceso é que haxa unha afluencia masiva ao acto que este sábado terá lugar en Baiona (Iparralde) en apoio ao desarmamento, aludindo así ao acto convocado nesa cidade polos coñecidos como ‘artesáns da paz’.