As cifras do eucalipto na Galiza: ocupa 14% do territorio e aumentou en case 300.000 hectáreas en 50 anos

Incendio forestal en Server do Vouga, distrito de Aveiro, rexión Centro de Portugal. (Foto: Diogo Baptista / SOPA Images via Z / DPA)

O eucalipto voltou a primeiro plano e, outra vez, da man dunha devastadora vaga de incendios, nesta ocasión —e non é a primeira vez— en Portugal. Esta especie pirofórica ocupa perto de 10% do territorio portugués, unha cifra que no caso da Galiza elévase case catro puntos por riba, até 13,9%. O 'Eucalyptus' representa 25,7% da foresta lusa, porcentaxe que aumenta até 28% no caso da extensión forestal galega.

O eucalipto chegou a Portugal en 1829 e á Galiza en 1846.  Século e medio despois, esta especie ocupa considerábeis superficies forestais en ambos os dous países e incluso unha parte importante do territorio galego e portugués. Os incendios destes días no país luso —con persoas falecidas e feridas, miles de hectáreas de superficie arrasada e declaración de estado de "calamidade"—volveron situar no albo esta especie pirofórica e as consecuencias do seu cultivo masivo.

Segundo datos do Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF), a área ocupada por plantacións de eucaliptos en Portugal aumentou de 668.000 mil hectáreas en 1995 para 812.000 en 2020. Iso representa un aumento de 21,5% en 25 anos. Actualmente, no país veciño hai unha moratoria até 2030 para novas plantacións desta especie. Unha decisión que, en certa medida, animou a industria pasteira portuguesa a mirar para a Galiza, país que xa coñecían mais que agora tornou de especial interese. Non só unha pasteira como Altri quere construír unha celulosa na Ulloa; outra multinacional lusa da celulosa, Navigator (antiga Portucel) está a xestionar cultivos de eucalipto na Galiza, pasado de 356 hectáreas en 2020 a andar ao redor da 1.000 agora.

Así, o eucalipto ocupa case 10% da superficie de Portugal. O Inventario Forestal Continuo da Galiza indica que esa especie ocupa 13,9% do total do territorio galego. Ao redor de catro puntos máis. 

Se esa comparanza se fai no que respecta a superficie arborada, na Galiza o eucalipto supón 28% da mesma; mentres que en Portugal é de algo menos de 26%, en concreto 25,7%. 

As plantacións galegas de eucalipto representan 54,3% do total do Estado español e 27,5% do conxunto do continente europeo. As plantacións desta especie non deixaron de medrar na Galiza nos últimos 50 anos, pasando de 131.000 hectáreas en 1973 a 413.086 hectáreas en 2023. Unha parte importante das plantacións de eucaliptos realizadas neste período foron ilegais, xa que o Plan forestal galego do ano 1992 permitía un máximo de 245.000 hectáreas de eucalipto para 2032, cifra claramente superada á vista do certificado polos rexistros públicos.

Superficie forestal

O Inventario Forestal Continuo da Galiza de 2023 dá conta do avance da superficie arborada na Galiza. Segundo os datos fornecidos pola Enquisa sobre superficies e rendementos de cultivos de 2023, elaborada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a masa forestal ocupa 1.794.483 hectáreas (ha), que representan 60,7% do territorio galego e 5,7% do estatal. En Portugal, a superficie da foresta atinxe 36% do seu territorio. A Galiza conta con perto de 620.000 ha de frondosas caducifolias, 420.000 ha de coníferas –piñeirais, na súa maioría– e 413.000 ha de eucaliptais. Pasando o Miño, a composición da foresta ten elementos comúns e outros diferentes. Así, o eucalipto é a especie dominante (25,7%) do territorio forestal en Portugal, seguida da sobreira e do piñeiro-bravo (23% cada unha). Os carballos ocupan apenas 2% do bosque portugués.

"Non é sostíbel ter nun territorio coa extensión da Galiza 413.000 hectáreas de eucalipto", afirma en declaracións a Nós Diario o xestor forestal e do medio natural José Ramón Janeiro, portavoz do  Instituto Galego das Terras Comunitarias, e que leva anos estudando esta especie. Engade que hai estudos técnicos que mesmo elevan esa cifra de eucaliptos a 540.000 hectáreas. "Estamos pagando as consecuencias de non afrontar este problema durante moitos anos, a moratoria debería prolongarse até 2050 e cunha idea, unha planificación para ir sacando o eucalipto de aquí", apunta.

 Janeiro Gil pide tamén "desmontar" certas ideas, como a que relaciona esta especie coa creación de emprego. "Non xera valor engadido, a cadea empresarial da madeira da Galiza perdeu emprego durante todos estes anos e Ence non ten por que nutrirse de eucalipto na Galiza, non lle fai falla", conclúe.

Portugal e a "falta de visión política e forestal"

João Carvalho, profesor do Departamento de Ciências Florestais da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), explica que a expansión do eucalipto está "ligado á actividade de multinacioais do papel" e lamenta que en Portugal haxa unha "falta de visión política e forestal" para avanzar a "outras alternativas [ao eucalipto] que son mellores no plano económico, ambiental e social". Apunta o profesor de Silvicultura e membro da Organización Europea de Silvicultura 'Pro Silva' que se ben nos últimos anos —a raíz da traxedia de Pedrogão, en 2017, na que perderon a vida 67 persoas— houbo un avance na consciencia social sobre as consecuencias da eucaliptización e a súa responsabilidade nos incendios, "hai un lobby moi poderoso que atravesa toda a sociedade" a favor desta especie. 

A respecto do 10% da superficie de Portugal que ocupa o eucalipto, incide en que esa porcentaxe non debe facer perder de vista que hai áreas do país onde esa porcentaxe é superior a 50%.  E sobre a situación na Galiza, apunta a que "camiña por un camiño perigoso, Portugal xa ten esa experiencia e é moi difícil saír". Unha realidade, precisa, marcada pola "alteración da paisaxe, os prexuízos no modo de vida e o impacto socioeconómico" que vén da man da proliferación sen control do eucalipto.

Galiza exporta á industria lusa máis de 783.000 toneladas anuais de eucalipto

En febreiro de 2018, entraba en vigor en Portugal a lei que prohibía novas plantacións de eucaliptos nese país até 2030. Esta decisión levou as empresas pasteiras portuguesas a mirar ao norte do Miño, un territorio que xa coñecían e onde levaban tempo mercando eucalipto. Mais foi desde 2018 cando optaron por ter unha presenza máis activa en territorio galego.

Galiza exporta sen transformar máis da metade dos eucaliptos que saca do monte. En 2023 na Galiza cortáronse case 5,5 millóns de toneladas métricas desta especie e menos da metade fica para ser transformado no país, o resto envíase a diferentes sitios, desde Asturias e Euskadi a Islandia ou Portugal. Portugal é, de feito, o principal destino das exportación ao estranxeiro, por mor da demanda de pasteiras como Navigator (antiga Portucel) e Altri. En 2023 desde a Galiza exportouse ao país veciño un total de 783.505 toneladas de eucalipto. Unha cifra, desde logo, moi superior á que se envía a países como Islandia (31.172 toneladas) e Bélxica, con 23.719 t. Altri, ademais das factorías que ten en Portugal, aposta por se instalar na Galiza cun proxecto para A Ulloa que está a xerar unha forte contestación social.

É consciente de que a materia prima está aquí, na Galiza, tamén rica en outros recursos que precisa para o proceso, como a auga. A principal pasteira portuguesa, The Navigator Company, antiga Portucel, recolle nun informe publicado no ano 2023 que tiña na Galiza 42 'Unidades de Gestão' ou plantacións de eucalipto. Son dez máis das que posuía á altura de 2021, cando entón eran 32.