A Eurocámara apoia medidas máis estritas para evitar as verteduras pellets

Pellets de plástico na praia de Sabón, Arteixo, comarca da Coruña, o 9 de xaneiro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).

O Parlamento europeo respaldou esta terza feira medidas máis estritas para previr novas verteduras de pellets de plástico, como a que afectou a comezos de ano as costas galegas, co obxectivo de lograr as "perdas cero" e responsabilizar as empresas operadoras da súa limpeza en caso de que acontezan. 

A Eurocámara adoptou, con 538 votos a favor, 32 en contra e 31 abstencións, a proposta de regulamento sobre a prevención de perdas de pellets para reducir a contaminación por microplásticos.

A proposta que presentou a Comisión Europea en outubro de 2023 ten por obxecto garantir que todas as empresas operadoras que manipulan granulados na Unión Europea (UE) adopten as medidas preventivas necesarias, co que se agarda reducir a liberación de pellets até un 74%, dando lugar a ecosistemas máis limpos, contribuíndo a que os ríos e océanos non conteñan plástico e reducindo os posíbeis riscos para a saúde humana. 

As novas normas, que ficarán en mans do Parlamento que xurda das próximas eleccións, exixirán que todas as entidades que realicen actividades económicas que impliquen a manipulación de granulados de plástico se aseguren de evitar perdas, e de que cando ocorran verteduras, asuman a responsabilidade de tomar medidas inmediatas para conter e limpar os microplásticos. 

Críticas á xestión da crise dos pellets

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, valorou esta terza feira positivamente a aprobación deste regulamento, que inclúe varias emendas da formación nacionalista. Durante o debate no pleno do Parlamento europeo, Miranda criticou a "nefasta" xestión do Goberno galego na vertedura de pellets acontecida na Galiza a comezos de ano, xa que "nin informou debidamente nin activou o plan anticontaminación".