Euskadi activa o plan de emerxencia antes de chegaren os pellets mentres que Rueda tardou case un mes

Arantxa Tapia, conselleira de Medio Ambiente do Goberno vasco (Foto: Europa Press).
Esta decisión do Goberno vasco contrata claramente coa do Goberno galego que tardou case un mes en activar a situación de alerta desde que foran informados o 14 de decembro da chegada á costa galega destes microplásticos. Aliás, Asturias elevou o nivel de alerta á 'situación 2' mentres Alfonso Rueda a mantén no '1'.

A conselleira de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio Ambiente, Arantxa Tapia, anunciou que se activou esta terza feira en Euskadi o plan especial de Emerxencia por contaminación ante a previsíbel chegada de pellets de plástico á costa vasca, aínda que non prevén que sexa ao longo desta semana. Precisou que traballarán por eliminar ao máximo os residuos en alta mar, aínda que recoñeceu que probabelmente chegarán ás praias vascas.

Esta decisión do Goberno vasco contrata claramente coa do Goberno galego que tardou case un mes en activar a situación de alerta desde que foran informados o 14 de decembro da chegada á costa galega destes microplásticos. Aliás, Asturias elevou o nivel de alerta á 'situación 2' mentres Alfonso Rueda a mantén no '1'.

Na rolda de prensa posterior ao consello do Goberno vasco, Tapia referiuse aos pellets de plástico que perdeu un buque en augas portuguesas e que xa chegou á costa galega, asturiana e cántabra. Tapia explicou que existe en Euskadi un plan especial de Emerxencia ante a contaminacion da ribeira do mar denominado "Itsasertza", que se decidiu activar e nas próximas horas o vicelehendakari primeiro, Josu Erkoreka, convocará a comisión asesora "Itsasertza" para facer un seguimento e unha coordinación de todas as actuacións que levarán a cabo.

A conselleira explicou que están a facer unha monitorización continua de onde se atopan os plásticos desde que se produciu o accidente do buque, de maneira que estas simulacións permiten analizar, en función das correntes, ventos, ondada, ou as mareas, como se pode ir aproximando á costa vasca.

Previsión

Detallou que, segundo estas simulacións, actualmente non prevén que vaian chegar á costa vasca nos próximos días ou ao longo desta semana, pero indicou que hai que ser prudentes porque pode haber variacións e é difícil "facer unha previsión exacta de cando chegarán".

Segundo explicou, o que teñen que conseguir, "se é posíbel", é eliminar o máximo do que poida chegar á costa en alta mar, e sinalou que xa se contactou coa deputacións de Bizkaia e Gipuzkoa para que, en caso de chegada ás praias, tamén se activen todos os mecanismos de limpeza e de axuda.

Tapia insistiu en que todos os expertos están a dicir que "o ideal" é que ese plástico non chegue ás costas, e iso "significa que hai que actuar en alta mar". Tapia afirmou que hai tecnoloxía para recoller ese plástico pero probabelmente "unha cantidade dese plástico chegará ás praias".