Xustiza

O Tribunal Supremo sentencia a dirección da CRTVG

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela. (Foto: CRTVG).
30 contratos da alta dirección da CRTVG estarían formalizados en fraude de lei.

A Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) declara unha estrutura de alta dirección conformada por 37 persoas. Porén, un recente auto do TS que outorga firmeza a unha sentenza do TSXG acaba de apuntar que 30 deses contratos estarían formalizados en fraude de lei polo ente público. 

O Tribunal Supremo (TS) vén de confirmar unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de abril de 2022 onde condenaba á CRTVG a indemnizar a un membro do equipo de alta dirección da compañía con 173.303 euros por despido improcedente e cuestionaba a contratación da maior parte dos membros da estrutura de alta dirección do ente público.

O auto do Alto Tribunal estatal, ao que tivo acceso Nós Diario, impugna a política de persoal seguida até data pola empresa e obriga a súa dirección a tomar medidas para axustarse ao disposto pola lexislación.

As fontes xurídicas consultadas por este xornal indican que o auto do TS outorga firmeza a sentenza emitida con anterioridade polo TSXG e confirma a ilegalidade da práctica totalidade dos contratos de alta dirección da CRTVG.

Neste sentido, apuntan que atendendo unicamente ao plano orgánico de dependencia xerárquica directa da Dirección Xeral do ente público, de 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección, 30 estarían en fraude de lei. Nesta situación, atoparíanse directores e directoras de departamento e xefes e xefas de servizo, todos eles cargos de responsabilidade na estrutura do ente público.