O exército español cobra 570.000 euros da Xunta por vixiar os montes na campaña anti-incendios

Exército nos montes galegos

Despregará 27 patrullas. Para os bombeiros forestais, un dispositivo “caro e ineficaz”.

Esta fin de semana e até mediados do mes de setembro despregarase nos montes galegos a denominada ‘Operación Centinela’, e pola que o exército español realizará labores de vixilancia e prevención de incendios. Axunta pagará ao exército por volta de 570.000 euros por esas tarefas. Este tipo de convenios lévanse desenvolvendo unha década, e cada ano a administración galega paga ás forzas armadas cantidades que varían entre o medio millón e os seiscentos mil euros. O exército despregará 27 patrullas polos montes galegos, 22 delas da Brilat e 5 pertencentes ao Tercio Norte de Infantería de Marina.

 

Desde a Asociación de Bombeiros Forestais de Galiza (Apropiga) xa anunciaron hai unhas semanas o seu rexeitamento a este convenio entre Xunta e Defensa por entender que é “caro e ineficaz”. Para os bombeiros forestais non ten sentido que a Consellaría destine centos de miles de euros a patrullas das forzas armadas cando “hai puntos de vixilancia fixos fechados” ou que non funcionan, e hai unha carencia de persoal.