O exército español inicia o seu despregamento “disuasorio” en 38 concellos galegos

A Xunta paga cada ano entre 450.000 e 500.000 euros ao exército español polo seu despregamento nos montes contra os incendios forestais.

Un total de 25 patrullas formadas por persoal da Brigada Galicia VII -BRILAT-, serán as encargadas da vixilancia nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, mentres que as outras cinco, integradas polos Infantes de Mariña do Terzo Norte da Armada, con base en Ferrol, realizarán as súas patrullas na zona sur da provincia da Coruña, segundo informou o Estado Maior da Defensa (EMAD) nun comunicado.

Ademais do despregamento sobre o terreo, unha unidade de vixilancia aérea diúrna e nocturna con avións tripulados de forma remota intervirá no operativo.

Todo o despregamento estará baixo control operativo do Mando de Operacións e a presenza e despregamento da forza é de carácter preventivo e disuasorio. O xefe da Brigada Galicia VII, o xeneral Alfonso Pardo de Santayana, exercerá como xefe de todas as forzas militares participantes na operación.

As patrullas terrestres realizarán o seu labor de vixilancia e disuasión nun total de 38 municipios, cinco máis que no ano 2022, repartidos en oito distritos forestais, un máis que o ano pasado, segundo está recollido no convenio asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta da Galiza. A pedimento da Xunta poderase modificar e variar o esforzo das patrullas en cada zona para adaptarse á valoración do risco.