Disidencia sexual e sexilio centran 'A memoria diversa': "Aínda hai quen ten que exiliarse á procura de espazos nos que ser e sentir sen xuízos nin insultos"

Ailén Kendelman, no centro, xunto a Areta Bolado e Noelia castro en 'Elisa e Marcela'. (Foto: A Panadaría).
O espazo de intervención cultural Normal, da Universidade da Coruña, acolle esta sexta feira, 31 de maio, e o sábado 1 de xuño 'A memoria diversa', o terceiro congreso arredor da memoria LGBTIQ+ na Galiza impulsado pola Deputación da Coruña.

O sexilio será o principal asunto de debate e reflexión desta cita coa memoria queer da Galiza, organizada desde o departamento de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña. 

A responsábel de lingua, igualdade e dereitos civís desta institución, Soledad Agra, será a encargada de inaugurar as xornadas esta sexta feira xunto á vicerreitora de igualdade e diversidade da UDC, Cristina López e o comisario de Memoria Diversa Marcos López.

"Durante estes dous días haberá persoas que veñan buscar na Galiza un lugar de acollemento, despois de ter que fuxir pola súa orientación sexual ou pola súa identidade de xénero", salienta Agra en declaracións a Nós Diario. A deputada pon en valor a escolla dos sexilios como tema central e lembra que aínda hoxe hai quen ten que "exiliarse da familia ou do rural á procura de espazos nos que ser e sentir sen xuízos nin insultos". 

Congresos coma este, reivindica a deputada, son necesarios para combater os discursos de odio cada vez máis normalizados "e alentados por algunhas posicións políticas".

De Elisa e Marcela a Eduardo Blanco Amor

Agra convida o público a asistir ás xornadas, con entrada de balde, e a gozar do relato de persoas chegadas de todo o Estado para dar visibilidade a unha memoria silenciada durante moitos anos, "sen a cal hoxe non existirían moitos dos dereitos adquiridos".

É o caso da de Elisa e Marcela, cuxo sexilio centrará a intervención de Ailén Kendelman, actriz e cofundadora da compañía teatral A Panadaría. "Que haxa un congreso que nos achegue amores diversos, non heteronormativos, esquecidos ou descoñecidos, é moi valioso", desataca a creadora, que na apertura da primeira xornada repasará a fuxida Elisa e Marcela, "dúas mulleres que casaron pola Igrexa en 1901 e que se viron obrigadas a marchar de onde vivían, primeiro até o Porto e máis tarde até Bos Aires, tras pasar polo cárcere". 

A súa historia, que representaron durante seis anos en Elisa e Marcela, "sérvenos para ollar atrás, ver que dereitos estamos conseguindo, malia a súa fraxilidade, e que violencias persisten".

A memoria de Eduardo Blanco Amor e a poesía do sexilio completarán a primeira xornada cos relatorios do músico e activista Éric Dopazo máis do poeta e editor Antón Lopo, responsábel da edición das cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor. "Este epistolario é o primeiro testemuño escrito que nos chega dunhas relacións homoeróticas e onde fica reflectida a existencia desa paixón". Para Lopo, Suárez Picallo a Blanco Amor son a primeira mostra pública do "movemento político queer" e dunha xeración formada na República da que tamén son parte Serafín Ferro, Ernesto Guerra da Cal, Euxenio Montes ou o propio Lorca".

A este discurso máis apegado á obra literaria, Éric Dopazo sumará outro, complementario e reivindicativo dunha difusión da figura de Blanco Amor máis valente. "Creo que hai que explicalo doutra maneira, rescatando e dando a coñecer a totalidade da súa personalidade, antes mesmo de recomendar a súa lectura nos institutos", defende.

Sábado, 1 de xuño

'A memoria diversa' terá continuidade este primeiro de xuño coa máis achegas sobre sexilios e memoria LGBTIQ+. Elpidio Domínguez Ruiz e Daniela Ferrández abrirán a xornada matinal cunha intervencións sobre os sexilios a través do tempo e dos espazos., mentres que a actualidade do sexilio será abordada polo refuxiado político ruso e activista LGBT Roman Efrenov.

A socióloga e escritora Fefa Vila intervirá antes do xantar cun realtorio sobre "inadaptacións, desvíos, extravíos, fugas e reencontros". A sesión de tarde abriraa, o xornalista e escritor Bob Pop e encargaranse de fechala Ares Piñeiro e Nee Barros cun relatorio sobre a ausencia da memoria de homes trans.